Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo activa un plan para reparar o firme dos núcleos do rural

reparación
reparación

O Concello de Xinzo de Limia vén de activar un plan para reparar o firme dos núcleos do rural. As obras comezarán nos próximos días en Pena e Baronzás, onde o pavimento rexistra graves deficiencias. Trátase dunha actuación moi demandada polos veciños e veciñas e que xa foi adxudicada por un importe de 37.296 euros. A concellería de Urbanismo que dirixe Ramón Gómez e a de Medio Rural que representa Amador Díaz traballan da man para solucionar os problemas de fochancas e fisuras que presentan as vías.

Amador Díaz explicou que se trata de mellorar os accesos aos pobos e cumprir así cunha demanda que vén de tempo atrás e que agora será cumprida. As actuacións en Pena e Baronzás serán as primeiras no marco dun plan para mellorar o firme dos núcleos do rural de Xinzo.

O edil de Urbanismo sinalou que as obras consistirán na limpeza de cunetas e a reparación de fochancas con dobre rego asfáltico no interior dos núcleos. Nalgúns puntos como no acceso a Baronzás dende á estrada N-525 repararanse as deficiencias con triple rego asfáltico.