Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo habilita 765.000 euros para investir en gastos inaprazables de servizos, infraestruturas, ocio e cultura

O Concello de Xinzo de Limia celebrará esta semana un pleno extraordinario no que se tratarán temas como a modificación de crédito por importe de 765.117 euros para poder executar actuacións inaprazables en materia de servizos, infraestruturas, ocio e cultura. Así o deu a coñecer hoxe o goberno local nunha comisión informativa que precederá a sesión plenaria prevista para o venres, día 14. O importe será financiado con cargo ao remanente e ao superávit de 2021 e cumpre coa normativa vixente en materia orzamentaria, segundo consta no informe favorable de intervención. Tal e como explicou a alcaldesa, Elvira Lama, esta modificación lévase a cabo coa intención de non realizar ningunha outra nesta anualidade, salvo que xurdisen causas de forza maior.

Ademais, na orde do día da sesión plenaria figura un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 168.507 euros para o pago de facturas de gasto corrente de exercicios pechados dun total de 49.057 euros. Neses pagos están incluídas as liquidacións semestrais á Xunta de Galicia da Escola Infantil e o Centro de Día malia que estiveron pechados durante o confinamento e parte da pandemia, así como facturas pendentes do anterior mandato e outras do actual, algunhas relacionados con gastos derivados da loita contra a covid-19.

Parcela sobrante na pista Sitibal

Tamén vai a pleno o expediente de declaración de parcela sobrante na pista Sitibal, que unha vez sexa elevada a definitva procederase á segregación e allanamento directo aos propietarios lindeiros das parcelas, o que representará un ingreso patrimonial para o Concello que deberá ser destinado a inversión.