Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo impermeabiliza a rede de saneamento da rúa Río Miño para evitar os cortes de luz

río Miño
río Miño

Os continuos cortes de luz na rúa Río Miño provocaron nos últimos meses o malestar da veciñanza. Para cortar o problema de raíz, o Concello de Xinzo de Limia vén de adxudicar obras de reparación á empresa de Viaqua. Mais en concreto, a actuación consistirá na impermeabilización das conducións de saneamento para evitar a filtración ás instalacións de Naturgy. Os traballos contan cun orzamento de 23.292 euros.

Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, na realización das obras seguirase o procedemento de reparación sen gabia, un innovador método co que se prevé que se ocasionen as mínimas molestias aos veciños da zona.

O Concello de Xinzo, tamén da man de Viaqua e Naturgy, traballou nos últimos meses para solucionar os problemas existentes na rede de saneamento do entorno das vivendas da rúa Ladeira e a zona do Polígono que, a comezos de febreiro, rexistrou numerosos corres de luz nun corto período de tempo.

Tamén a principios de ano, técnicos de Viaqua acometeron, cun camión especial, unha limpeza do colector da rúa Río Miño, para revisar os tramos máis críticos nos que se rexistran os escapes na rede de saneamento. Incluso levouse a cabo unha exhaustiva inspección cunha cámara para localizar onde xurdían os problemas. Unha vez que substituíron o cableado eléctrico, o Concello de Xinzo adxudicou esta obra para actuar sobre o saneamento, confiando en solucionar así os problemas de cortes de luz que se suceden na zona.