Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo impulsa o seu parque empresarial cun paquete de medidas que van dende a mellora do firme ata a seguridade

panel
panel

O parque empresarial de Xinzo de Limia recibe impulso. O Concello conta cun paquete de medidas que van dende a mellora do firme e da seguridade viaria ata a instalación de doce cámaras de seguridade. Así, está previsto que a próxima semana comecen as obras para arranxar a antiga gabia de distribución do gas que se atopa afundida na Fase 3 e supón un serio perigo para a circulación.

Máis en concreto, os traballos centraranse en cesar o bituminoso e aplicar firme asfáltico para deixar o firme ao mesmo nivel. Tamén será necesario adaptar as tapas de rexistro ao novo rasante. A actuación, adxudicada á empresa Explotacións Medioambientais, conta cun orzamento que ascende a 13.205 euros e un prazo de execución dun mes, se ben o executivo local confía en que as obras rematen o antes posible.

Unha vella demanda dos empresarios do polígono de Xinzo de Limia tamén está máis preto de cumprirse coa instalación de doce cámaras de vixilancia con visión nocturna. A actuación vén de adxudicarse e será cofinanciada polo Concello e a Xunta de Galicia. A administración local aportará 9.170 euros e a Administración autonómica un total de 36.700.

Sobre o funcionamento dos dispositivos de vixilancia, cómpre destacar que a ducia de cámaras que se instalarán en seis mastros de seis metros de altura (con 2 cámaras en cada mastro) están especialmente deseñadas para o recoñecemento de matrículas, conectadas todas elas a un equipo conmutador en rede, xestionado por un servidor con software específico de control, que posibilita a visión en tempo real de cada unha das cámaras dende calquera ordenador con conexión a Internet, así como o almacenamento das imaxes e envío de alarmas.

Panel informativo na entrada do polígono

Tamén no marco destas actuacións que teñen como obxectivo poñer en valor o parque empresarial de Xinzo de Limia levouse a cabo a instalación do novo panel informativo que, emprazado na entrada das instalacións, proporciona datos sobre as empresas que se reparten polas súas rúas. O panel foi instalado polo Concello de Xinzo a petición dos empresarios, cumpríndose así outra das súas demandas.

O concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, asegura que a intención do executivo local e promocionar un parque empresarial con gran potencial e dar resposta ás demandas dos profesionais.