O Concello de Xinzo incrementou nun 295% a licitación de obra pública durante o primeiro tramo de 2022
Un informe da Asociación de Constructores de Ourense destaca ao Concello de Xinzo de Limia como un dos que máis obra licitou nos primeiros meses de 2022, superado só pola cidade. Dito incremento acada o 295 % (ata os 2,2 millóns de euros) nos primeiros cinco meses do 2022 en relación ao mesmo período do ano anterior. Converteuse así no segundo municipio da provincia con máis obra pública licitada, só por detrás de Ourense (2,7 millóns de euros). Máis en concreto, de xaneiro a maio deste ano a cifra de adxudicación pública ascendeu a 2.257.236, mentres que no 2021 foi de 570.729 euros. De feito, durante o primeiro tramo deste ano, o Concello licitou máis obra que durante todo o ano pasado.
A razón deste notable incremento da licitación hai que buscala no proxecto de substitución de luminarias por leds, algúns dos cales están agora en fase de execución. Así, Concello adxudicou sete proxectos para a substitución de 4.610 vellas luminarias. Para levar a cabo esta actuación o Goberno Central, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, aportará o 80 % da financiación, mentres que o restante, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais. A contía total da inversión ascende a 1.850.000 euros.
Pero o Concello tamén licitou outras obras públicas, como os contratos de servizos de roces ou obras de mellora en camiños rurais e municipais. Un dos exemplos foron as actuacións acometidas nos núcleos de Morgade e Ganade.
Estes datos da Asociación de Construtores de Ourense, que sitúan ao Concello de Xinzo como o segundo máis licitador na primeira metade deste ano, avalan o esforzo realizado desde o goberno local por acadar fondos de outras administracións e desenrolar proxectos que redundan no interese xeral e na mellora da calidade de vida dos cidadáns.