Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo organiza un magosto con pasarrúas, o concerto de Pandeireteiras sen Fronteiros e unha foliada aberta

magosto
magosto

O Concello de Xinzo de Limia prepara un magosto tradicional onde a música e as castañas compartirán protagonismo. A Praza de Oriente será o escenario no que se desenvolverá a programación, que comezará as 19.00 horas co pasarrúas de Lirolaio e Cero25. Para as 20.30 horas agárdase o concerto de Pandeireteiras Sen Fronteiros, un grupo de música tradicional galega, feita con voz e percusións, principalmente pandeireiras. Coa súa actuación poñerán en valor e difundirán a tradición cultural desta terra. A agrupación naceu no 2014 co obxectivo de estudar e coñecer a música tradicional galega a través da investigación e o traballo de campo. A finais de 2016 consolidan a súa estrutura e actividade constituíndose como Asociación Cultural Pandereteiras Sen Fronteiros.

Tamén segundo a programación, está previsto que ás 22.00 horas comece unha foliada aberta e os asistentes poderán degustar castañas de forma gratuíta durante a tarde.

O Concello de Xinzo de Limia pretende recuperar así a celebración tradicional do magosto, cunha programación que aposta pola música e que pretende devolver á vila o ambiente festivo destas datas e que non se puido manter durante os anos de pandemia.