Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo súmase á condena a Rusia e crea unha rede de familias para acoller a refuxiados ucraínos

Rotunda oposición do Concello de Xinzo de Limia á agresión que Rusia está a levar a cabo en Ucraína. Todos os grupos da Corporación aprobaron hoxe, en  comisión informativa, unha serie de medidas de emerxencia para axudar aos afectados por unha cruenta guerra que está a provocar danos irreparables e que se agravan cada minuto que pasa. Por unanimidade, decidiuse a adhesión á declaración de condena á guerra e apoio ao probo ucraíno da Federación Galega de Municipios, ademais de acordar accións concretas no ámbito local.

Así, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, púxose en contacto coa Subdelegación do Goberno para crear unha rede de familias de acollida e poñer ao seu dispor espazos públicos como o pavillón polideportivo e todos aqueles que poidan servir de utilidade. Esta iniciativa coordinarse a través do departamento de Servizos Sociais, co que as familias en disposición de acoller poden contactar a través de teléfono  988 550 528 ou ben de xeito presencial en horario de 09.00 a 13.00 horas.

Dende o Concello de Xinzo de Limia tamén se impulsa a recollida de material de primeira necesidade que logo será logo canalizado a través da Federación Galega de Municipios en Provincias.

Entre os produtos que se demandan atópanse sacos de durmir, roupa interior térmica, roupa para nenos e nenas de entre 0 e 4 anos, calcetíns e luvas, baterías e pilas, tendas de campaña ou lanternas. Tamén se poden achegar alimentos como leite en po, café, cacao, galletas, cueiros ou biberóns. Con respecto ao material sanitario recóllense tesoiras, luvas, vendas, xiringas ou agullas, parches antiqueimaduras, ademais de medicamentos como ibuprofeno, paracetamol ou amoxicilina, entre outros.

Os interesados poden facer as entregas na sede de Protección Civil, no primeiro piso do edificio Multicentro, en horario de 10.00 a 12.00 horas ou chamando ao número de teléfono 629 470 812. Tamén se recollerá o material no punto de Información Municipal emprazado no primeiro andar da Casa Consistorial.

O Concello de Xinzo alza a voz para que cesen os ataques ao territorio de Ucraína e que se retome a negociación como única vía para procurar os intereses de Rusia. En solidariedade de todos os veciños e veciñas do municipio cos cidadáns que están a sufrir os embates da guerra, aluméase a Casa Consistorial coas cores da bandeira ucraína.