Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo suspende todos os eventos do verán e a Feira da Pataca e da Maquinaria agrícola de outono polo covid-19

Suspensión de eventos culturais e deportivos
Bando suspensión de eventos culturais e deportivos
“Mediante a presente, faise saber que dada a evolución da crise sanitaria, en data 18/08/2020 resolveuse suspender, dende a antedita data e ata nova orde, a celebración de eventos culturais e deportivos, organizados, coorganizados polo Concello, ou que pretendan celebrarse en instalacións municipais”.

Debido as circunstancias sanitarias que estamos a vivir, cun número elevado de casos en toda a comunidade galega, adoptamos a decisión de suspender todos os eventos culturais e deportivos  no Concello de Xinzo, nomeadamente, a proposta alternativa a Festa do Esquecemento, o campionato de futbolín, o concerto da Agrupacion Musical da Limia, o pasarrúas da Banda de Gaitas do Concello, o XinzoFit, e as actuacións previstas nas fins de semana do mes de agosto.

Consideramos que é unha decisión responsable para un momento de moita incerteza, no que todos e todas debemos tomar conciencia da normativa, da responsabilidade individual e tamén colectiva e actuar en consecuencia para evitar posibles contaxios e proliferacións do virus.

Con esta medida, dende o Concello tamén se anuncia a suspensión da Feira da Pataca e da Maquinaria agrícola ALIMAGRO, que se tiña previsto realizar nos meses de setembro e novembro.

O goberno local está convencido de que a decisión adoptada é a mellor para reverter esta crise e que pase o antes posible, o que agardamos sexa compartido por toda a veciñanza.