Xinzo de Limia

Concello de Xinzo e USC asinan un convenio para facilitar a incorporación de alumnos de máis de 50 anos aos estudos universitarios

Achegar a Universidade aos alumnos de máis de 50 anos é o principal obxectivo do Programa Universitario de Maiores. O Concello de Xinzo de Limia vén de mostrar o seu compromiso asinando un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para levar a cabo o Programa Democratización do Coñecemento no ano 2022. A iniciativa conta con distintas actividades formativas e culturais que teñen por finalidade a aprendizaxe e a interdisciplinariedade no ámbito da educación non formal.

Mediante este acordo, o Concello comprométese a participar coa Universidade facilitando un espazo para o desenvolvemento das sesións formativas con conexión a Internet; a difusión da publicidade unha vez recibida a maqueta do cartel e o programa; nomear a un técnico ou técnica como contacto coa Secretaría do Programa e coa función de matricular á poboación de máis de 50 anos; facerse cargo os autobuses para a realización da parte práctica dos seminarios e ter representación no acto de clausura e entrega de diplomas.

Vincular e amplificar a oferta de estudos universitarios, con criterio de interdisciplinariedade e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada, como experiencia global que se desenvolve ao longo da vida de cada individuo, subliñando o protagonismo das persoas maiores é outra das metas desta iniciativa.

Trátase de posibilitar que as persoas maiores compartan e desenvolvan iniciativas docentes e de extensión cultural, propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que cumpran para alcanzar este fin.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, que é quen asina o convenio, considera que este tipo de acordo é especialmente importante en municipios do rural, como Xinzo de Limia, pois supón achegar o coñecemento a aquelas persoas que teñan máis dificultades ou atrancos para acceder a el.