O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou onte a mañá en Xinzo de Limia o Plan de formación agrogandeira para esta comarca
O vindeiro xoves iniciarase o proceso formativo con xornadas teóricas e prácticas sobre o uso de fertilizantes, a xestión dos residuos gandeiros, o cultivo da pataca e a promoción dos produtos para a venda.
O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou esta mañá en Xinzo de Limia o Plan de formación agrogandeira para esta comarca, para o que xa están anotadas unhas 160 persoas. Alí, sinalou que mellorar a formación dos agricultores e gandeiros como vía para optimizar a xestión das súas explotacións é fundamental, co fin de que a Limia sexa referente de compatibilidade entre unha xestión ambiental adecuada e uns bos resultados económicos, matizou o conselleiro.
Así, José González insistiu en que unhas prácticas respectuosas co medio ambiente e coa preservación dos recursos naturais equilibran os rendementos das empresas, aseguran a calidade dos produtos, a saúde pública e o futuro das actividades económicas.
Por iso, o titular de Medio Rural incidiu na necesidade de afianzar os coñecementos dos profesionais agrarios e gandeiros, así como de mellorar os procedementos para xestionar dunha forma adecuada os residuos xerados polas súas actividades económicas. Un compromiso, matizou José González, acadado no marco da Mesa da Limia no pasado mes de setembro e que se materializou nun plan de formación.
Neste senso, o programa presentado terá unha duración de 27 horas de formación e estará composto por cinco módulos de carácter presencial que, en liñas xerais, tratarán sobre a planificación da produción e a xestión adecuada dos residuos gandeiros, a prevención e loita contra pragas e enfermidades, o asesoramento sobre novos cultivos e a súa adaptación ao cambio climático. Tamén se formará aos participantes nas novas alternativas de produción e diversificación económica, no asociacionismo e na promoción dos produtos locais. Estes módulos contarán cunha parte de formación teórica e con outra práctica. Neste senso, os interesados neste plan de formación teñen de prazo ata o vindeiro 26 de novembro para anotarse a través do teléfono 988.386.477 ou no correo electrónico [email protected].
Nesta liña, o conselleiro adiantou que este curso comezará o vindeiro xoves, 28 de novembro, na Casa da Cultura de Xinzo de Limia e está dirixido aos titulares de explotacións agrogandeiras, traballadores agrarios e persoas interesadas neste tipo de actividades produtivas. Así, o titular de Medio Rural destacou que a través desta formación búscase mellorar a calidade dos produtos agroalimentarios, que sexan respectuosos co medio ambiente e poñelos en valor nun mercado cada vez máis esixente.
Por iso, avanzou o conselleiro, vaise a completar esta formación cun Plan estratéxico do sector agrario da Limia, que ten como horizonte para a súa elaboración o vindeiro verán de 2020. “Será a folla de ruta que defina o futuro do sector”, destacou, procurando unha Galicia verde a través da sustentabilidade económica, social e ambiental.
Así, José González indicou que será un proceso participativo estruturado en mesas de traballo con todas as institucións e con todos os axentes relacionados co sector agrario da Limia. Todo isto, subliñou o titular de Medio Rural, forma parte dunha estratexia global para facerlle fronte á xestión dos xurros nesta comarca e, por extensión, en toda Galicia.
Neste sentido, informou que a Consellería publicou unha consulta pública previa á elaboración e tramitación dun novo anteproxecto de lei reguladora do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras xeradas en explotacións de Galicia. Unha iniciativa, sinalou José González, que conterá o deseño, a implantación e o funcionamento das infraestruturas e centros de tratamentos dos residuos, tendo en conta principalmente as zonas con maior concentración de actividade agrogandeira (a Limia, Deza, Mazaricos e A Pastoriza). Desta forma, Galicia estará á cabeza da innovación, como primeira comunidade autónoma en implantar un sistema deste tipo.