Xinzo de Limia

Un convenio entre o Concello e a Confederación permitirá a canalización subterránea dos vertidos ao río Limia cunha tecnoloxía punteira

convenio3
convenio3

Un ano despois de que o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil comezasen a traballar nun ambicioso proxecto para a eliminación dos vertidos ao río Limia, a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas entidades dá un paso máis que demostra o seu compromiso co medio ambiente. Ambas partes veñen de firmar un acordo no que se establece a cofinanciación dunha actuación que suporá unha inversión de 1.420.000 euros. A CHMS aportará o 80% do presuposto total e a administración local o 20%.

Mediante este acordo, determínanse as condicións para a colaboración do Concello e a Confederación na execución duns traballos que permitirán a recollida dos vertidos sen depurar ao río Limia e a súa canalización a un pozo existente da rede municipal, no parque do Toural, que os levaría á EDAR. Está previsto que a actuación se licite esta primavera.

Paralelamente, estableceranse as actuacións precisas para mellorar as condiciones de mobilidade na zona, a través de senda peonil e carril bici, en ambas beiras do río entre a estrada de Baltar e a ponte da calle Sitibal.

Para a eliminación dos vertidos empregarase unha tecnoloxía que permitirá o cruce subterráneo do río Limia. Máis en concreto, as obras de saneamento consistirán na recollida de vertidos da zona do antigo matadoiro, de construcións na marxe da estrada de Baltar e Avenida de Portugal, así como outros vertidos de construcións na marxe esquerda do río Limia, incluída a zona das piscinas municipais, pavillón e resto de instalacións deportivas municipais. Canalizaranse ata un pozo existente no parque do Toural, dende onde se transportarán á EDAR.

Unha vez eliminados os vertidos, urbanizaranse as dúas marxes. Continuarase un carril bici con senda peonil nas dúas marxes, entre a ponte da estrada de Baltar e o da rúa Sitibal no parque do Toural.

A alcaldesa, Elvira Lama,  visitou o entorno do río Limia xunto co presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e os concelleiros Ramón Gómez e Alberto Martínez. A rexedora asegurou que “este proxecto suporá un antes e un despois para Xinzo de Limia e permitirá que os veciños e veciñas poidan vivir cara o río.” Tamén insistiu en que o río Limia é internacional e irmanda ao concello con Ponte de Lima, en Portugal.

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño- Sil, José Antonio Quiroga, subliñou a importancia deste convenio, “pois os ríos son un elemento cardinal das nosas vidas”. Tamén lembrou que hai outro proxecto que tamén contribuirá a rexenerar o río Limia. Trátase do derribo da ponte de Gudín. “Iremos paso a paso”, concluíu Quiroga.