O cribado solicitado polo Concello alcanzará a 3.136 veciños e veciñas de Xinzo e 864 da bisbarra
Realizarase no Pavillón municipal de Deportes ao longo de todo o sábado por parte de 8 equipos de enfermería. Sergas e Concello préganlle ás persoas elixidas que acudan á cita para limitar a transmisión e detectar asintomáticos.
Á terceira foi a vencida. Por tres veces foi solicitado por parte do Concello de Xinzo un cribado a súa poboación despois do imparable incremento de casos activos dos últimos días. Primeiro ao xerente do CHOU, a continuación á xefa territorial de Sanidade, por indicación do primeiro, e por último, onte mesmo, ao conselleiro de Sanidade.
Finalmente, esta mesma mañá, Sanidade comunicoulle á alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, que o cribado, de ámbito comarcal, levarase a cabo o sábado. Así o comunicou Lama Fernández esta mañá a través das súas redes sociais.
En total serán 4.000 as persoas seleccionadas, que se corresponden cos usuarios e usuarias de 18 a 40 anos da bisbarra e os maiores de 40 anos dos concellos de Xinzo de Limia, Porqueira, Calvos de Randín, Sandiás e Vilar de Santos, segundo comunicou o Sergas nunha nota de prensa. Todos están a ser citadas hoxe e maña para a realización da proba co obxectivo de limitar a transmisión e detectar os casos asintomáticos.
A mostraxe será proporcional ao tamaño e a situación epidemiolóxica dos concellos da bisbarra, correspondendo o 78,4% da mesma á poboación de Xinzo, segundo lle comunicou o Sergas á alcaldesa de Xinzo, de tal maneira que alcanzará a 3.136 veciños e veciñas deste concello e 864 do resto.
O lugar elixido será de novo o Pavillón de Deportes de Xinzo, no que 8 equipos de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco se encargarán de realizar a proba a todas as persoas seleccionadas ao longo do sábado, entre as 09:00 e as 14:00 horas e as 15:00 e as 20:00 horas.
Este será o segundo cribado en Xinzo, si ben o primeiro, o pasado 15 de novembro, so foi para veciños e veciñas desta poboación, aínda que nun número moi inferior. Entón realizáronse PCR a 1.040 usuarios e usuarias, si ben acudieron 848.
Como é habitual, o cribado será voluntario, pero tanto as autoridades sanitarias como o propio Concello instan a participar a todas as persoas seleccionados, así como a seguir as instrucións en canto a horarios e medidas de protección. O obxectivo é aproximarse ao 100% de participación, superando á do anterior cribado.
A citación realízase a través dunha mensaxe de SMS ao teléfono que consta na ficha de cada usuario (xa se empezaron a enviar esta mesma mañá), na que se lle indica a hora e lugar ao que debe dirixirse. Por elo, o Servizo Galego de Saúde lembra a importancia de manter os datos de contacto actualizados e comprobar se se está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas.
Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente desde o Centro de Saúde de cada usuario.
Estas probas non se poden confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado, segundo informou está mesma mañá o Sergas.