Xinzo de Limia

Un doutor en investigación agraria e un enxeñeiro avalían a saúde das árbores públicas para sanealas

O resultado do traballo e as propostas de actuación serán presentadas mañá, martes, á veciñanza nunha reunión aberta pero con aforo limitado pola covid. Será ás 19:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura.

 

Concelleiro e técnico observan unha das árbores avaliadas
Concelleiro e técnico observan unha das árbores avaliadas

Os veciños e veciñas de Xinzo, ata un máximo de 90 polas limitacións de aforo, serán informados o martes das conclusións e propostas que expón un informe sobre a estado das árbores do municipio que se atopan en espazos públicos, tanto parques como alamedas e zonas verdes.

O Goberno local encargou este informe xa o ano pasado, para examinar dun xeito exhaustivo a saúde das distintas especies arbóreas do municipio, nun momento no que os espazos o aire libre son mais necesarios que nunca e preciso que estean nas mellores condicións. 

A tarefa requiriu de técnicos especialistas para a diagnose de cada especie con medicións, así como para unha radiografía exhaustiva da saúde dos mesmos. Ditos especialistas, un doutor en investigación agraria e un enxeñeiro agrícola, xa visitaron os parques o pasado mes de novembro, na primeira inspección ocular, acompañados polo concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad. Desprazáronse de novo no mes de febreiro para tomar mostras, medicións e elaborar fichas de cada especie en cada espazo, así como para facer a diagnose concreta a e proposta de solucións.

Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo de profesionais nesta materia, acometeranse as accións de saneamento e mantemento das distintas especies, despois de anos e anos sen asesoramento especializado, facendo tan so as podas na época do ano nas que correspondía e que nalgúns casos nin sequera eran necesarias o noutros facíanse dun xeito tan agresivo que danaban ás árbores.

O informe, que será presentado á veciñanza pola especial sensibilidade que existe no concello con relación ás arbores, tamén inclúe propostas das especies mais axeitadas para que as plantacións que se fagan redunden no beneficio da especie, do espazo e da saúde dos veciños e veciñas, creando así entorno de ocio e gozo de calidade.

Para explicar as distintas problemáticas e os traballos que haberá que levar a cabo a curto medio e longo prazo nas masas arbóreas, o grupo de goberno decidiu convocar unha reunión aberta a cidadanía para mañá, martes, día  2, ás 19:00 horas, no salón de actos da casa da cultura.

Por mor da situación sanitaria o afora está limitado a 90 persoas e cos protocolos establecidos segundo a normativa sanitaria.