Xinzo de Limia

Edelmiro Martínez Cerredelo será nomeado mañá fillo predilecto de Xinzo polo seu “esforzo” por investigar a historia do pobo

edelmiro (2)
edelmiro (2)

Edelmiro Martínez Cerredelo recibirá en Xinzo de Limia unha homenaxe que recoñecerá o seu traballo por afondar na historia do pobo. O cronista local será nomeado fillo predilecto nun acto previsto para as 12.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial.

 Está previsto que na homenaxe interveña a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e o historiador. Tamén se lle outorgará unha placa gravada e a acta enmarcada da sesión plenaria na que se aprobou por unanimidade o expediente de honra para outorgarlle esta distinción.

Foi a finais do pasado mes de setembro cando todos os grupos políticos aprobaron este recoñecemento a Edelmiro Martínez Cerredelo, destacándose o seu “esforzo incansable” por afondar na historia do municipio.

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, exerceu de instrutor do procedemento para acreditar os méritos de Martínez Cerredelo e foi o encargado de expor nese pleno de setembro a memoria para o outorgamento do distintivo honorífico. Cómpre recordar que actividade investigadora do cronista local deu lugar a publicacións en diversas revistas e oito libros editados que gozan do recoñecemento da cidadanía, en xeral, e de historiadores eruditos en distintas áreas temáticas polas súas valiosas aportacións.

Os trámites para nomear a Martínez Cerredelo fillo predilecto de Xinzo de Limia iniciáronse despois de que se rexistraran máis de 300 sinaturas na plataforma change.org, unha mostra máis do recoñecemento da cidadanía.