Xinzo de Limia

Elvira Lama: “Están en xogo os postos de traballo de moitas familias da Limia e o futuro de moitas explotacións”

tractorada
tractorada

Máis de 200 tractores tomaron esta mañá as rúas de Xinzo de Limia e, ao seu paso, evidenciouse o apoio de todo un pobo co sector agrogandeiro. Centos de veciños saíron á rúa para apoiar as reivindicacións dos produtores cos seus aplausos ao paso destes vehículos. Esta protesta, convocada por Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación de Produtores de Pataca da Limia, Fruga e Adegal comezou no Toural e pasou polas rúas 2 de Maio, Avenida de Ourense, pista de Morgade, carretera de Baronzás, Curros Enríquez, San Sebastián, avenida de Madrid e 2 de Maio para volver ao inicio. O percorrido foi o preludio dunha manifestación na que os afectados volveron a alzar a voz como xa sucedeu o martes na Praza Carlos Casares.

O sector agrogandeiro atópase nunha situación límite por unha nova crise que chega cando a que ocasionou a pandemia aínda é unha realidade. A guerra de Ucraína está afectando dun xeito especial ao agro e, consciente deste feito, o Concello de Xinzo de Limia volveu a apoiar as demandas deste traballadores. Así o explicou a alcaldesa, Elvira Lama, que acompañou o paso dos tractores: “Están en xogo os postos de traballo de moitas familias da Limia e o futuro de moitas explotacións. Debemos estar todos apoiando o sector primario porque nos parece de xustiza que dunha vez por todas se resolvan gran parte dos problemas que están atravesando, que non son so os combustibles e a enerxía, que son outros moitos como a venda de produtos sen uns prezos homologados que podan defender a calidade dos produtos e a supervivencia das explotacións”

Tamén insistiu a rexedora na necesidade de que as medidas se tomen canto antes: “Esperemos que o Goberno e a Xunta, que ten competencias a través das Consellerías de Medio Rural, Emprego e demais, poñan enriba da mesa mecanismos para axudar ás explotacións. Teñen que ser mecanismos reais e urxentes”.

O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz Penín, que ademais representa a Asociación de Produtores de Pataca da Limia, agradeceu a implicación de toda a cidadanía nesta protesta e anunciou que nos próximos días se porán en contacto con todas as Administracións para volver a facer oír as súas demandas. Pasado un tempo prudencial, se non son escoitadas, programaranse novas accións reivindicativas.: “Será entón cando decidiremos se imos a Ourense, a Santiago ou a Bruselas para defender os noso intereses”.