Elvira Lama: “As guerras fannos recordar que no ADN da maioría dos galegos e galegas corre sangue emigrante”
“O pobo xitano caracterízase pola súa solidariedade, pola súa unidade, pola súa identidade compartida e os seus vínculos máis aló das fronteiras”. Así se referencia na declaración institucional lida esta mañá na Casa Consistorial de Xinzo de Limia con motivo do Día Internacional dedicado a esta comunidade e así se demostrou tamén cando o acto se converteu nunha homenaxe ás vítimas do conflito de Ucraína e, especialmente, a todos aqueles xitanos e xitanas que pola guerra están a sufrir un trato discriminatorio.
O Concello sumouse a esta celebración -marcada no calendario o 8 de abril para conmemorar o Primeiro Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres entre o 7 e o 12 de abril de 1971- e mostrou así o seu compromiso coas 170 persoas que forman esta comunidade no municipio. O executivo local leva meses traballando para mellorar a súa calidade de vida. A finais do pasado ano firmouse un acordo de colaboración coa Fundación Secretariado Gitano. A alcaldesa, Elvira Lama e a orientadora educativa desta entidade, Eva Araújo, estiveron no salón de plenos da Casa Consistorial para arroupar á comunidade xitana, acompañadas do concelleiro de Servizos Socias, Alberto Martínez, o axente intercultural, Jerson Jiménez, e a técnica de Igualdade Silvia Iglesias.
No seu discurso, a rexedora tamén quixo poñer o acento nas vítimas do conflito de Ucraína e afirmou: “As guerras fannos necesario recordar que no ADN da maioría dos galegos e galegas tamén corre sangue emigrante, a das persoas que nalgún momento tiveron que saír polo mundo”. Tamén interveu no acto José Luis Gabarri, predicador da Igrexa Evanxélica, asegurando que “en Xinzo de Limia non hai máis dun cento de xitanos, senón que hai máis dun cento de limiaos que son xitanos, aí estará a clave para a convivencia”.
Despois de que na Casa Consistorial soase o himno “Gelem, gelem”, composto por Jarko Jovanovic e que recorda aos xitanos e xitanas vítimas do nazismo, a bandeira xitana comezou a ondear na Casa Consistorial. De cor azul e verde, simboliza o ceo e o campo, cunha roda de carro vermella no centro, que simboliza o camiño dende a India e a liberdade.
Formación en favor da igualdade
No convenio firmado a finais do pasado ano entre a Fundación Secretariado Gitano e o Concello de Xinzo de Limia, o executivo local cedeu un aula da Casa da Cultura para levar a cabo actividades formativas de cara a mellorar a calidade de vida das mulleres participantes deste colectivo e a favorecer a súa integración laboral. Hoxe están a realizar prácticas para completar a súa formación.