Xinzo de Limia

Elvira Lama: “Ogallá estas árbores teñan moita vida en homenaxe ás 38 mulleres que morreron este ano vítimas da violencia de xénero”

plantación1
plantación1

Os alumnos e alumnas do IES Lagoa de Antela, o futuro de Xinzo de Limia, quixeron poñer vida ao 25-N, plantando unha árbore por cada vítima da violencia de xénero no último ano e demostrando a súa concienciación. Recordarán sempre, cada vez que pasen polo entorno das piscinas exteriores, este acto simbólico no que colaborou o Concello e o IES Cidade de Antioquía cedendo as árbores coas que traballan no ciclo de Xestión Forestal. A alcaldesa, Elvira Lama, e os concelleiros Rafa Penabad e Ramón Gómez, axudaron aos estudantes na plantación de carballos, bidueiros, sobreiras e aciñeiras, entre outras especies.

A rexedora pediu o fin desta lacra social e manifestou o seu desexo de que as árbores medren neste entorno: “Ogallá teñan moita vida en homenaxe ás 38 mulleres que morreron este ano vítimas da violencia de xénero”.

A mediodía, na Praza Maior, Elvira Lama procedeu á lectura da declaración institucional da Fegamp, á que se une o Concello de Xinzo de Limia para manifestar a determinación por erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas, achegados e achegadas, vítimas do machismo. A rexedora tamén alzou a voz para lanzar “unha mensaxe de esperanza e forza para todas esas mulleres que están a sufrir a violencia machista e a calquera que sufra o maltrato de xénero”. Lembroulles que “non teñen que toleralo baixo ningunha forma e estamos ao seu carón para axudalas a saír”.

A programación do Concello de Xinzo de Limia para conmemorar o 25-N en contra da violencia de xénero continuará o luns. Para loitar contra esta lacra social é clave a educación dos máis novos e por iso ofrecerase unha charla informativa sobre as agresións sexuais e a violencia sexual. Levarase a cabo no IES Lagoa de Antela, ás 16.00 horas, e diríxese aos alumnos e alumnas dos dous institutos da vila.