Xinzo de Limia

Elvira Lama reivindica o papel dos concellos “para chegar aos corazóns e ás conciencias” e lograr unha igualdade real

Día da Muller 6
Día da Muller 6

Xinzo de Limia coloreouse de morado nun día gris. A choiva non impediu que os veciños se concentrasen en favor da igualdade con motivo do Día da Muller. A Praza Maior foi o epicentro dos actos de conmemoración dende primeira hora da mañá. A alcaldesa, Elvira Lama, alzou a voz e reivindicou o papel dos concellos para lograr a igualdade real: “Somos a Administración da cidadanía, a que lle xera maior confianza. Temos un papel relevante na construción social en igualdade ao sermos quen ten máis capacidade para chegar aos corazóns e ás conciencias, cimentos estes máis determinantes no comportamento”.

O Concello de Xinzo de Limia únese así á declaración da Federación Galega de Municipios que fai fincapé na igualdade para afrontar este momento da historia tan convulso: “A superación da crise sanitaria, económica e social que vén de socavar os alicerces do mundo, ten que pór o foco na figura da muller e pasar necesariamente polo seu reforzamento. O progreso é incompatible coa inxustiza e a mediocridade que presiden a discriminación por razóns de xénero. A valía e dignidade da muller son incuestionables e non poden continuar -baixo ningún pretexto- ameazadas, minguadas nin tan sequera infravaloradas”.

Tamén a Praza Maior foi o escenario no que se instalou unha carpa informativa para a sensibilización e promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, a cargo de persoal do Centro de Información á Muller, e que foi visitada por decenas de persoas.

A loita pola igualdade do Concello de Xinzo de Limia esténdese aos 365 días do ano e farase especialmente visible este mes de marzo. A programación continuará o día 10, cando o persoal do CIM trasladarase á Aula Cemit da Casa da Cultura para seguir sensibilizando sobre a igualdade e as inquedanzas das mulleres do rural. Será dende as 10.30 horas. A partir do día 15 a sensibilización chegará ata os locais sociais dos pobos con xornadas tamén a cargo dos traballadores do Centro de Información á Muller.

Sobre a fenda dixital e as inquedanzas das mulleres na tramitación administrativa e burocrática falarase o día 24 na Aula da Escola de Saúde Rural. Trátase dun asunto que preocupa cada vez máis e que o Concello quere achegar á poboación dentro dos actos previstos para conmemorar o Mes da Muller.

Para rematar a programación, o día 26 organizouse o concerto “Converxencias”da Agrupación Musical da Limia e no que as mulleres terán todo o protagonismo. O espectáculo estará dirixido por Carmen Ferreiro, directora da orquestra do CMUS de Santiago de Compostela e María Mendoza, compositora e mestra do CMUS de Ourense. Comezará ás 19.00 horas.