Xinzo de Limia

O Entroido de Xinzo de Limia recuperará os desfiles e os concertos e comezan as reunións abertas da Comisión para concretar a programación

2018113016453919949
2018113016453919949

O Entroido de Xinzo de Limia volverá a ser o que se recorda. Despois de anos de restricións pola pandemia –na pasada edición non se puideron programar nin os concertos nin os desfiles–  a celebración recupera os actos tradicionais. A ilusión da cidadanía por recuperar os festexos con toda a programación xa se fixo patente na primeira reunión aberta da Comisión celebrada o venres á noitiña e na que se escoitaron as propostas dos veciños e veciñas.

Nas próximas semanas convocarase un segundo encontro aberto para todos aqueles que desexen colaborar. Trátase dunha oportunidade idónea para poñer en común diferentes ideas e comezar a programar os festexos. O procedemento é o mesmo de anos anteriores. O primeiro paso é convocar unha reunión cuns meses de antelación para que se poida incorporar á Comisión todo aquel desexe colaborar. En calquera caso, esta agrupación sempre estará aberta a quen se queira integrar en calquera momento.

Tal e como se estableceu neste primeiro encontro, o primeiro paso de cara á organización do Entroido será encargar o deseño do cartel para comezar a promocionalo. Despois comezarase a elaborar a programación e, despois do Nadal, fixaranse as reunións co Concello para establecer a parte más organizativa, como o Plan de Autoprotección.

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, anima a cidadanía a colaborar na organización dos festexos e asegura que a expectación xa é enorme pese ás datas nas que estamos: “Recuperaremos a celebración do Entroido con toda a súa programación anterior á pandemia con desfiles, concertos... A xente ten moitas gañas de vivir esta festa e xa quedou patente na pasada edición pese as restricións”.