O Esquecemento terá a Alameda do Toural como escenario nunha edición na que o Concello velará pola seguridade sanitaria de veciños e visitantes
Aínda que as cifras de casos activos en Xinzo de Limia melloran paulatinamente (a día de hoxe hai 43 fronte aos 53 que chegaron a contabilizarse a principios desta mesma semana) o nivel medio de restricións no que se atopa o municipio obriga a extremar as precaucións de cara aos próximos actos culturais marcados no calendario. A Festa do Esquecemento é o prato forte da programación cultural de verán e poderá celebrarse con todas as garantías sanitarias os días 20, 21 e 22 de agosto. Non será unha edición como as que se recordan –o ano pasado tivo que suspenderse por mor da pandemia- pero o Concello confía en que sexa tamén especial polo mimo co que se elaborou o programa.
Así o explicou a alcaldesa, Elvira Lama, esta mañá no acto de presentación da festa: “Feita a consulta a Consellería de Sanidade, non se poden realizar determinados actos e só serán posibles aqueles en espazo acoutado, delimitado, con aforo controlado e todo tipo de protocolos sanitarios”.
Deste xeito, na Alameda do Toural levaranse a cabo todas as representacións teatrais e os concertos nos tres días de festa, e con horarios marcados e concretos. Contratouse unha empresa de seguridade para controlar as entradas e saídas de veciños e visitantes e será obrigatorio o uso de máscara, a limpeza de mans, a toma de temperatura e a distancia nos diferentes actos programados. “De non poder ser doutra maneira, esperamos que resulte agradable e seguro para protexer a saúde da poboación en xeral”, recalcou a rexedora.
O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, puxo en valor a dedicación e o esforzo da Asociación Civitas Limicorum para manter viva a festa e o pasado do pobo e engadiu: “No 2020 non se puido celebrar o Esquecemento e esta vez temos mellores noticias. A programación consistirá en actos pechados no Toural con todos os requisitos que esixe a situación actual e que vai na liña de todos os actos que se estiveron levando a cabo na programación de verán que se preparou con moito esforzo”.
Mais en concreto, e tal e como explicou Miriam Opazo, da directiva da Asociación Civitas Limicorum, o programa desenvolverase no Toural como único escenario e comezará o venres cun espectáculo de lume e o prendido do lume sagrado, ademais dun concerto de Grimorium, a partir das 22.00 horas ata as 00.30 horas.
O sábado os actos comezarán ás 17.00 horas cun espectáculo de malabares e circo; a partir das 18.00 está prevista a entrega dos premios Bispo Idacio; ás 21.30 horas ofrecerase un concerto de Os da Porfía e de novo un espectáculo de lume. Será o domingo cando se faga a adaptación do cruce do río, a partir das 17.00. Os malabares poderán verse a partir das 19.00 horas e ás 20.30 subirá ao escenario Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Para asistir ao concerto será necesario inscribirse chamando aos números de teléfono 649 657 627 ou 678 120 607.
O mercado tradicional tamén se instalará no Toural para poder manter a distancia de seguridade. Na entrada ao recinto tomaranse os datos aos asistentes.
A cancelación do ano pasado foi dolorosa para os organizadores e tamén para os veciños e visitantes, ademais dunha traba para a economía da vila, polo que se espera que esta edición adaptada consiga manter a ilusión pola festa, sempre seguido os protocolos sanitarios.