Xinzo de Limia

A Feira da Pataca e Maquinaria arranca pondo en valor a maior comarca agrícola de Galicia e o labor dos seus profesionais

Alimagro2
Alimagro2

Entre tractores de ultimísima xeración e o produto estrela da comarca da Limia inaugurouse a Feira da Pataca e Maquinaria de Xinzo, un escaparate para dar a coñecer o gran potencial dun sector que esta fin de semana fará da vila un referente. Unha ampla comitiva de autoridades reuníronse na apertura de Alimagro, que vive a súa segunda edición e, a xulgar polo interese que está a espertar, non haberá dúas sen tres.

A alcaldesa, Elvira Lama, fixo no seu discurso un alegato a prol da agricultura: “Esta comarca, a máis agrícola e gandeira de todo Galicia, necesita un pulo para seguir apostando polo rural. Non imos descansar de demandar melloras comprometidas na Mesa da Limia, que foi creada a raíz dun problema de contaminación da auga ao que queremos por fin. A agricultura debe ser sostible e rendible economicamente”. A rexedora tamén quixo destacar o papel dos agricultores durante a pandemia: “Botáronnos unha man desinfectando dende corredoiras do rural ata a última praza do concello. E co país parado eles non deixaron de producir. Apostar pola agricultura é apostar polo futuro”.

Nesta mesma liña pronunciouse o concelleiro de Medio Rural de Xinzo, Amador Díaz, que se definiu como un orgulloso labrego e pediu “que se siga apoiando a esta comarca agrícola, a máis importante de Galicia. Seguiremos traballando moi duro”. Tamén tomou a palabra José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e asegurou que a comarca é todo un referente polo aproveitamento da pataca e do cereal.

Rosendo Fernández, presidente do Inorde, definiu a feira como a fórmula perfecta para dar a coñecer A Limia e os seus produtos e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, asegurou que unha das súas grandes preocupacións era a loita contra o abandono rural e que “esta comarca defende a súa ocupación”. Insistindo ademais en que “os gobernos traballarán da man en favor do sector”.

Ao acto tamén acudiu, en representación do Goberno de España, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, ademais doutras autoridades locais e provinciais.

Nesta segunda edición únense as dúas citas –Feira da Pataca e da Maquinaria Agrícola- nun mesmo espazo e fin de semana e inclúense dende degustacións gastronómicas ata animación musical e infantil. Os expositores instaláronse no pavillón municipal e nos seus exteriores e neste emprazamento levarase a cabo o groso da programación.

Mañá serán dúas as degustacións que, como non podía ser doutro modo, terán a pataca como protagonista. A primeira será ás 13.00 horas a segunda ás 19.00 horas, ambas no stand do Consello Regulador. A música cobrará protagonismo con Cantigas Populares Galegas a cargo do Coro Aimil Folk de Xinzo de Limia.

A xugada das vacas do Ángel de Morgade percorrerá o recinto feiral o domingo ás 11.00 horas, mentres que para as 11.30 programouse un obradoiro de gastronomía saudable e sostible titulado “O papel da pataca”, a cargo do chef Carlos Parra do Castelo de Maceda. A actuación da Banda de Gaitas de Xinzo de Limia pechará a feira deste ano, que volve con forza despois de que o ano pasado tivera que suspenderse pola pandemia.

Cómpre recordar que no interior do pavillón instalouse todo o relativo á pataca, da man de produtores, asociacións ou almacenistas, entre outros profesionais relacionados co sector. Nos exteriores copa toda a atención a maquinaria agrícola. A programación tamén pensa nos máis pequenos da casa e así, durante o horario da feira, ofrécese ruta de tractores e inchables gratuítos.

Nun momento no que a pandemia obriga a extremar as precaucións, seguiranse todas as medidas de seguridade e protocolos. Así, estableceuse que a entrada e saída do recinto feiral será entre o parque da Alameda e o parque do Toural.