Xinzo de Limia

A feira da Pataca e Maquinaria suma máis reservas a dous meses de ter lugar que cando ían separadas

Non é de estrañar que a Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola de Xinzo –que este ano xunta as dúas citas nunha para convertela nun referente- estea espertando tanto interese, tendo en conta que no 2019 celebráronse por primeira vez e por separado. A pandemia obrigou a realizar un parón e unha vez que parece que a normalidade volve pouco a pouco a vida cotiá, aínda que sexa con todas as medidas de seguridade, o executivo local volve a traballar na súa organización a través das concellerías de Promoción Económica, que dirixe Manuel Pérez Campos; e a de Medio Rural, representada por Amador Díaz Penín.

Son numerosas as empresas que xa confirmaron a asistencia á cita, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de setembro. Unha decena de empresas de maquinaria xa manifestaron o seu interese a dous meses da feira e se espera que o número siga crecendo, tanto con empresas da comarca e da provincia como de fora.  Todo un reto tendo en conta que a feira celebrarase nas mesmas datas que a de Silleda.

O Concello comezará nos próximos días a enviar a documentación precisa para que os interesados en participar formalicen a súa inscrición. Tendo en conta o crecente interese das firmas, espérase que a cita supere os stands da última edición. No 2019 foron 10 os que asistiron á Feira de Maquinaria Agrícola e 25 á da Pataca.

O concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, valorou así o feito de que as empresas mostren xa a súa intención de formar parte da iniciativa: “Esta é unha moi boa noticia. Nos próximos días comezaremos coa burocracia para contar cun número exacto de empresas participantes. Seguiremos traballando duro para converter a feira nun referente do sector no norte de España”. Pola súa banda, Amador Díaz Penín insistiu en que a organización será un reto, pero que se superará con creces: “Estamos traballando moi duro e incluso buscando máis financiación para que sexa todo un éxito”.

Haberá cambios significativos en relación á pasada edición. Está previsto que a Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola ocupe o pavillón municipal e os seus exteriores, habilitando así non só a explanada da instalación deportiva, senón tamén a rúa 2 de maio dende a rotonda ata a ponte sobre o Limia e a explanada do Toural.

 

A intención do executivo local é que no interior do pavillón se instale todo o relativo á pataca, da man de produtores, asociacións ou almacenistas, entre outros profesionais relacionados co sector. Tamén está programado un showcooking. Nos exteriores copará toda a atención a maquinaria agrícola. Esta edición prevese moito más concorrida que o ano pasado, pola dimensión e proxección nacional que terá e polo interese amosado polas diferentes marcas.

Tal e como adiantou Pérez Campos, haberá charlas para os profesionais do sector e tamén se espera que a Xunta de Galicia estea presente cun expositor con produtos da Denominación de Orixe.