Xinzo de Limia

O gaiteiro internacional Hevia dará o pregón do Certame Celtibérico de Bandas: 750 músicos e 5.000 visitantes

presentación
presentación

Xa o asegura a alcaldesa, Elvira Lama: “Sería difícil imaxinar un Xinzo de Limia sen a súa Banda de Gaitas e Percusión”. Esta agrupación terá un papel protagonista no Certame Celtibérico de Bandas que contará coa vila como escenario os días 25 e 26 de marzo. Vinte anos despois –neste municipio xa se celebrou no ano 2003- o evento volve por todo o alto e prevese mobilizar ao redor de 5.000 persoas e que a ocupación roce o 100% nos hoteis de toda a comarca e máis alá. Será, en definitiva, un encontro con gran proxección, sendo o encargado de dar o pregón o gaiteiro internacional José Ángel Hevia.

O Certame Celtibérico de Bandas presentouse esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial e no acto interviñeron a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, o  vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o  director da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia, Fernando Dopico. Así explicou a rexedora o que significará para o concello este evento: “Estamos facendo un grandísimo esforzo para poder contar con esta cita musical tan importante. Para os integrantes das bandas que participan, para os seus mestres e familias, pero tamén para o tecido económico da vila, na que se agarda unha gran afluencia de público”.

A rexedora tamén quixo lembrar o bo facer da dirección e dos alumnos e alumnas da Escola de Gaitas de Xinzo “que levounos a colleitar un gran éxito no Festival de Strakonice, na República Checa, no que a Banda puxo o broche de ouro, pechando o desfile e festival cun auditorio posto en pé en recoñecemento as súas actuacións e ao que tiven a honra de asistir con enorme emoción en representación do Concello e dos veciños e veciñas”.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, recordou que Xinzo xa acolleu o primeiro campionato provincial de Bandas de Gaitas nos anos noventa e puxo en valor este instrumento tradicional cun repaso da súa historia a longo das distintas décadas. Insistiu en que o Certame Celtibérico debe servir de canle ás bandas de gaitas da Península e unha ferramenta didáctica para os alumnos e para a transmisión dos nosos valores culturais. “Creo que é unha ocasión perfecta para valorar a música dun elemento senlleiro como é a gaita”. Tamén insistiu que a cooperación institucional é clave para organizar eventos desta categoría.

O director da Escola Municipal de Bandas e Percusión, Fernando Dopico, asegurou que cando Xinzo de Limia se puxo á cabeza da organización do Certame, a resposta das bandas de todo o país foi inmediata. Tamén puxo en valor o Concurso de Gaitas e Percusión da Limia no que impresionará o talento dos participantes. A eles aconselloulles que gocen da experiencia e animou a todos os veciños, veciñas e visitantes a asistir ao evento.

A Xunta de Seguridade para garantir que o Certame se desenvolva con todas as garantías celebrouse esta mesma semana. Está previsto que o operativo de seguridade estea composto pola Policía Local, Garda Civil e Protección Civil de Xinzo e do resto da comarca, ademais da Cruz Vermella. O domingo 26 de marzo será necesario realizar restricións de tráfico na N-525, xa que os músicos levarán o folclore e a tradición ás rúas. Ademais, está previsto que se instale unha carpa na Praza Carlos Casares. Agárdase que sexan 26 bandas e 750 os participantes e habilitaranse prazas de aloxamento no pavillón.

Haberá dúas zonas para o estacionamento dos autobuses: o Toural e pavillón. Os vehículos lixeiros poderán aparcar nos dos párkings ao aire libre de Curros Enríquez e Avenida de Celanova, na Rúa Sitibal, Carmen Nóvoa, nas marxes do río e tamén no entorno do polígono. Este Certame será a ocasión idónea para que as bandas de todo o país demostren o seu talento e para dar a coñecer o concello e a súa cultura.

Tal e como se especifica no programa, a inauguración está prevista para o sábado 25 de marzo, ás 12.00 horas, no salón de plenos da Casa Consistorial. Seguidamente comezará unha mesa redonda interactiva que levará por título Pasado, presente e futuro das bandas de gaitas na Península Ibérica e na que intervirán Fernando Dopico, Xosé Luis Foxo, José Ángel Hevia, Óscar Ibáñez e Jorge Gándara. Pola tarde, ás 16.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura arrancará o Concurso de Gaitas&Percusión da Limia. Neste mesmo escenario, ás 20.00 horas, está prevista a entrega de diplomas deste concurso e, ás 20.30 horas, o concerto de música tradicional castelá-leonesa por Carlos Beceiro e Luis Antonio Pedraza.

O domingo 26 de marzo, ás 9.45 horas, comezará a cerimonia de izado de bandeiras na área de competición da Praza Carlos Casares e dará comezo a primeira fase do Certame Celtibérico de Bandas, que rematará ás 14.00 horas con desfile das bandas de primeiro grao dende a Praza Maior ata a Praza Carlos Casares, onde se concentrarán todos os participantes. Neste mesmo punto leranse as puntuacións e entregaranse os diplomas e premios. José Ángel Hevia lerá o pregón e intervirán as autoridades para dar paso á cerimonia de arriado de bandeiras e interpretación conxunta do Himno do antergo reino de Galicia por tódalas bandas participantes.