A igrexa de Santa Mariña, perfecto escenario para desenvolver unha clase sobre arte medieval e poñer en valor o patrimonio cultural de Xinzo
Non só se aprende entre pupitres. Os participantes no Programa Universitario de Maiores que se desenvolveu en Xinzo de Limia ao longo do mes de abril trasladaron os seus apuntes ás igrexas de Santa Mariña e San Xoán, esta última en Vilar de Santos. Tras unha introdución teórica na Casa da Cultura e da man de Carolina Casal, doutora en arte medieval pola USC, realizáronse visitas guiadas que puxeron en valor o patrimonio cultural destes dous concellos. O seminario levou por título “Dando luz ao románico... Escoitando o falar das imaxes petrificadas” e nel quedou de manifesto todo o que Xinzo pode aportar ao coñecemento deste tipo de arte.
Carolina Casal destacou a “exquisita iluminación” da que poden presumir as igrexas e asegurou que o que máis impresionou aos participantes foi a historiografía actual, polo que a sesión espertou un gran interese. Tamén explicou a doutora en arte medieval que con este seminario conseguiuse dar a coñecer á poboación a importancia do seu patrimonio, moitas veces descoñecido.
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, asistiu ao seminario e destacou a importancia do Programa de Maiores para achegar os estudos universitarios aos maiores de 50 anos: “O coñecemento non ten límites ni idades para aprender. Esta iniciativa foi unha experiencia única en cada unha das xornadas”.
O Programa Universitario de Maiores desenvolveuse ao longo deste mes de abril grazas a un convenio firmado entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Xinzo de Limia. Ofrecéronse distintas actividades formativas e culturais dirixidas a persoas de máis de 50 anos. Na primeira sesión afondouse no papel que desempeñan as familias na educación, mentres que na segunda o cine foi o gran protagonista e realizouse un achegamento á práctica documental.
A programación trata de posibilitar que as persoas de máis idade compartan e desenvolvan iniciativas docentes e de extensión cultural, propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que cumpran para alcanzar este fin.