Xinzo de Limia

A Intervención municipal atribúe ao goberno actual unha redución da débeda de case 1,2 millóns de euros con relación á que herdou no ano 2019

informes
informes

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, xunto co resto de membros do goberno municipal, compadeceu esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial para facer públicos dous informes de Intervención que aclaran a situación económica do Concello. A rexedora puxo as cifras sobre a mesa “coa máxima transparencia, dando todos a cara e por responsabilidade coa nosa veciñanza” despois de que un erro do servizo de Intervención, agora aclarado, fora “aproveitado pola oposición de forma irresponsable e maliciosa para crear alarma e danar a reputación do propio Concello de Xinzo”.

Así, na rolda de prensa desta mañá explicouse que un dos informes de intervención fixa a redución da débeda do Concello de Xinzo en 1,2 millóns de euros nos últimos tres anos. Segundo acredita o documento, a cifra de endebedamento pasou de 3.733.574 euros no ano 2019 a 2.576.713 euros. A alcaldesa, Elvira Lama, afirmou que o grupo de goberno “asumiu responsablemente unha herdanza catastrófica que nunca quixemos airear”, optando así “por cumprir tanto cos nosos veciños e veciñas como con Facenda e as contas públicas”.

Nun segundo informe de intervención tamén se especifica que o goberno local en ningún caso superou o gasto que figuraba no orzamento deste ano, fixado en 6.873.191 euros e aprobado co informe favorable da Intervención e o informe favorable e perceptivo do Ministerio de Economía.

Elvira Lama así o aclarou: “É certo que tras a lectura do último informe da Intervención costa entender como é posible que en xuño pasado tomase como referencia unha estimación de gasto para o ano 2022 feita no 2014, cando xa no 2016 esta mesma Intervención informou favorablemente á suspensión de medidas que contemplaba o plan de axuste, entre elas aquela estimación do límite de gasto para o 2022”.  Queda así aclarado, concluíu Lama,  que o Concello non se excedeu en ningún caso no gasto previsto para este ano.

Elvira Lama tamén se referiu ao reparo suspensivo aprobado no último pleno, explicando que responde ao feito de que existen bolsas de vinculación xurídica que carecen de crédito, unha situación administrativa que se irá solventando tan pronto como sexa posible. A maior parte do reparo afecta a facturas do gas, pero tamén a gastos imprevistos: “Pois claro que gastamos nestes tres anos máis do que prevíamos, pero nin un só euro que non estivera destinado a cubrir necesidades da cidadanía ou para facer fronte aos imprevistos da pandemia e á crise posterior. E aínda así rebaixamos a débeda en case 1,2 millóns de euros. Habería que preguntarlle ao goberno anterior en que gastaban eles o diñeiro público para deixar unha débeda de case 4 millóns de euros”, engadiu a rexedora.

Coa comparecencia desta mañá, o grupo de goberno quixo realizar un exercicio de transparencia, de tal xeito que os informes de Intervención no que se aclaran estas cifras estarán á disposición dos veciños e veciñas tanto na páxina web como nas redes sociais do Concello. “Non lle vamos consentir a quen levou a este concello á bancarrota que agora pretenda repartir cos demais a responsabilidade sobre a ruína que nos deixaron”, sentenciou Elvira Lama, que como contraste rematou afirmando que ningún grupo de goberno fixo tanto con tan pouco nin conseguiu tantos proxectos en tan pouco tempo”.