Xinzo de Limia

Máis de medio milleiro de persoas participarán na Copa OCRA Galicia, que converterá a Xinzo no epicentro do deporte de alto nivel este domingo

presentación
presentación

O Concello de Xinzo de Limia fai unha aposta polo turismo deportivo acollendo a primeira edición da Copa OCRA Galicia, que será un referente en carreiras de obstáculos e reunirá a máis de medio millar de deportistas esta fin de semana. Máis en concreto, dos 530 inscritos, o 73 % procede de fóra da provincia e haberá un total de 40 nenos e nenas. O evento terá lugar este domingo e os detalles déronse a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa á que asistiron a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o concelleiro de Deportes, Rafa Penabad; o edil de Mobilidade, Ramón Gómez; o responsable da Policía Local, Simplicio González; o comandante da Garda Civil Juan Ángel Rodríguez e o organizador de O Camiño Race, Manu Blanco.

A Copa OCRA Galicia terá como epicentro o Parque do Toural, alternando a ribeira do río Limia cun trazado urbano polo casco vello que ofrecerá espectacularidade á proba. Haberá catro categorías: infantil, equipos, popular e élite. Para os máis pequenos establecerase un circuíto no parque do Toural e nas súas inmediacións e está previsto que a proba comece ás 12.00 horas. As categorías de equipos e popular terán, dende as 10.00 horas, un percorrido de 7 quilómetros pola marxe do río Limia, alternado tramos polo casco urbano para rematar no Toural. En total, serán 25 obstáculos aos que deberán enfrontarse os deportistas. Para a categoría élite establécese un percorrido de 9 quilómetros e unha trintena de obstáculos, que comezará ás 13.00 horas e no que se decidirá ao campións galegos desta disciplina.

Tal e como sinalou Manu Blanco, organizador de O Camiño Race, será un evento deportivo de gran espectacularidade e que reunirá a milleiros de persoas en Xinzo de Limia esta fin de semana. Tamén agradeceu ao Concello a súa colaboración para que a Copa OCRA Galicia poida ter este escenario, que a fará especialmente atractiva visualmente.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, agradeceu aos organizadores a elección deste concello como escenario da proba, “pois converterase no epicentro do deporte de alto nivel e atraerá a moitísima xente”. Tamén agradeceu a colaboración dos corpos de seguridade, Policía Local e Garda Civil, ademais dos membros de Protección Civil de Xinzo e de toda a comarca. Para o desenvolvemento da proba será necesario cortar o casco vello e algunhas vías nos momentos das diferentes carreiras.

Cómpre destacar que o obxectivo deste evento é dar a coñecer este deporte de gran expansión na actualidade e facelo accesible a toda a poboación. Coroarase ao mellor corredor de OCR de Galicia, reunindo en Xinzo de Limia aos mellores corredores a nivel nacional.