Xinzo de Limia

O Nadal transforma Xinzo cunha espectacular decoración e un ambicioso programa con preto dunha trintena de actividades

Nadal
Nadal

“A ilusión polo noso” é o lema do programa de Nadal elaborado polo Concello de Xinzo de Limia, que transformará a vila ata despois de Reis cunha espectacular decoración e preto de 30 actividades. Aos nenos e nenas diríxense boa parte das propostas, se ben a ambiciosa programación está pensada para todos os públicos e para atraer a veciños de máis aló do concello. Os detalles déronse a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa na que interviñeron a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e o edil de Promoción Económica, Manuel Pérez. Un dos grandes atractivos será o tren do filme Polar Express, que se instalará na Praza Maior e que causou gran expectación o ano pasado. Ademais da decoración de diferentes casiñas que crearán pobos de Nadal nas rúas, haberá máis sorpresas que se irán desvelando co paso dos días e para manter a maxia destas datas.

A programación estará dividida en tres grandes bloques. Por un lado a música e o baile, coas tradicionais galas de Nadal das escolas de músicas municipais e grupos pertencentes ao concello como o Conservatorio ou a Banda de Gaitas, entre outras propostas. Destaca unha iniciativa da man de rapaces e rapazas da vila co nome Xplicit Prods, que traballará a arte urbana dende unha visión integradora.

Nun segundo bloque ofreceranse artes escénicas, circo, actuacións acrobáticas e maxia. En último lugar farase unha aposta polo ocio nun espazo emprazado na Praza Carlos Casares, onde se instalará unha carpa con atraccións para os máis pequenos.

Este é o programa detallado por días:

10 decembro: Presentación da nova sección da Banda de Gaitas.

17 decembro: Actuación de Nadal da Fanfarría Achicoria.

                        Gala de Nadal da Escola de Baile Danzón.

21 de decembro: Actuación do Conservatorio Municipal.

22 de decembro: Inauguración do espazo de ocio.

                            Actuación do Conservatorio Municipal.

23 de decembro: O Apalpador visita Xinzo.

                             Mostra de Nadal da Escola Fusión Fitnness.                          

                             Concerto de Nadal da Banda de Gaitas.

24 de decembro: Papá Noel visita Xinzo.

26 de decembro:  Chocolatada de Prolimia.

                            Actuación circense

                            Marta Bravo e Sergio Tannus.

27 de decembro:  Globo aerostático de Prolimia.​

                              Actuación clown.

28 de decembro: Globo aerostático de Prolimia.

                            Actuación circense

29 de decembro: Globo aerostático de Prolimia.

Broken Peach

Gala do Deporte

30 de decembro: Actuación clown.

                           Gala de Nadal da ESMULI

31 de decembro: Actuación contacontos.

2 de xaneiro: Actuación clown.

                      Xacobe Martínez Antelo Trío                   

3 de xaneiro: Actuación contacontos.

4 de xaneiro: Xplicit Prods.

5 de xaneiro: Cabalgata de Reis.

8 de xaneiro: Clausura do espazo de ocio.

Tamén cómpre destacar a colaboración do Concello con Prolimia e os clientes que merquen nos comercios da vila adheridos a súa campaña poderán subir ao globo aerostático cos tíckets de compra os días 27, 28 e 29 de decembro. O 23 e 24 de decembro Papá Noel percorrerá os comercios participantes na campaña e o día 26 de decembro ofrecerase unha gran chocolatada aos clientes do comercio local.

Tamén o Concello de Xinzo de Limia colabora na primeira gran Campaña de Nadal da Praza de Abastos. A iniciativa xa comezou e consiste no reparto de rifas entre os compradores para o sorteo dun televisor e unha fin de semana nun hotel-balneario. O executivo local quere mostrar o seu apoio a estes profesionais que afrontan unha situación económica difícil pola crise actual.

A alcaldesa, Elvira Lama, destacou a variedade da programación, “elaborada pensando en favorecer a economía local, porque investir en Xinzo é axudar aos noso veciños e veciñas”. O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, asegurou que o programa atraerá a visitantes de fóra de Xinzo de Limia pola súa variedade de actividades e animou a todos os cidadáns a participar. O edil de Promoción Económica, Manuel Pérez, tamén fixo un chamamento aos veciños e veciñas a facer vida no concello para sacar a economía local adiante.