Xinzo de Limia

A nova edición en ucraíno de “A Galiña Azul” de Carlos Casares presentarase en Xinzo o Día das Letras Galegas

Imagen de WhatsApp 2023-05-13 a las 11.25.28
Imagen de WhatsApp 2023-05-13 a las 11.25.28

“A Galiña Azul”, unha das obras máis coñecidas de Carlos Casares, conta cunha nova edición en idioma ucraíno que será presentada en Xinzo de Limia con motivo da celebración das Letras Galegas. Será o mércores, 17 de maio, coa Praza Maior como escenario e trala entrega, ás 12.00 horas, dos premios do concurso de narrativa infantil e xuvenil que homenaxea ao escritor limiao e cumpre este ano a súa sétima edición. Outorgaranse dous galardóns en cada unhas das categorías, case 2.000 euros en premios, consistentes en vales para mercar nas librarías da vila.

“A Galiña Azul” é precisamente unha das obras que cada ano inspira aos alumnos e alumnas que participan no concurso literario. A Fundación Carlos Casares vén de reeditar unha edición revisada dos anos oitenta e a vila limiá será o escenario no que se dará a coñecer.

Para o xoves, 18 de maio, está prevista a presentación do libro “Diagnóstico poético. Os versos que levas dentro”, da poetisa, escritora e mestra Rochi Nóvoa. Será no Auditorio a partir das 20.00 horas. O escritor e profesor limiao Cándido Paniagua será o encargado de presentar a obra e o acto contará coa actuación musical do Coro Aimil.