Xinzo de Limia

A Oferta Pública de Emprego do Concello de Xinzo de Limia apróbase por unanimidade

Representantes sindicais do Concello de Xinzo de Limia reuníronse esta mañá coa alcaldesa, Elvira Lama, para celebrar a Mesa de Negociación na que se aprobou a Oferta Pública de Emprego e se acorda a estabilización do emprego temporal. A proposta, que saíu adiante por unanimidade, deberá levarse a pleno. Son un total de 66 as prazas desta OPE que se consolidarán e correspóndense con diferentes categorías profesionais. Ademais, establécese a extinción de nove prazas e a amortización dunha que xa non figurará na Relación de Postos de Traballo (RPT). As que se extinguirán son aquelas nas que os traballadores e traballadoras cumprirán a idade de xubilación  a data de 31 de decembro de 2024.

A Mesa de Negociación levouse a cabo para cumprir coa Lei de Consolidación de Emprego. A OPE debe facerse pública antes do 1 de xuño.

Cómpre recordar que un total de dezaseis persoas xubilaranse ao longo deste mandato. Ao mesmo tempo, o goberno local de Xinzo de Limia avanza na elaboración da Relación de Postos de Traballo. Trátase, en definitiva, de acabar coa conflitividade e alcanzar a estabilidade laboral para todo o persoal, polo que o executivo está a poñer todo o seu esforzo.

Cómpre recordar que na Administración local existe unha taxa moi elevada de persoal indefinido. Actualmente, o Concello conta con 23 funcionarios e 96 traballadores dentro do apartado de persoal laboral, fixo e indefinido. O número de efectivos de persoal laboral nalgúns dos servizos é insuficiente.