A piscina climatizada abre o baño de vapor despois da súa reforma, que se suma as melloras realizadas no complexo deportivo
Polos seus efectos positivos para tratar problemas de saúde como a bronquitis é coñecido o baño de vapor. Tamén polos seus múltiples beneficios en beleza e benestar. A piscina climatizada de Xinzo de Limia ofrece aos seus veciños e veciñas este servizo. Trátase dunha instalación renovada despois das melloras levadas a cabo nos últimos meses. Tal e como se informou dende a Concellería de Deportes que dirixe Rafa Penabad, o baño de vapor xa loce nova imaxe despois das obras de acondicionamento realizadas e esta mellora súmase ás que se executaron nos últimos meses nas piscinas exteriores, ademais de nas pistas que completan o complexo deportivo.
Dende o Concello tamén se recorda que, trala súa reforma, poderán acceder á instalación todos os socios e abonados que o desexen. Ademais, o aforo será controlado.
A piscina climatizada de Xinzo de Limia forma parte dun complexo deportivo que se someteu a importantes actuacións nos últimos meses. Así, nos vasos exteriores que están dispoñibles nos meses de verán mellorouse a calidade da auga cun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse. Tamén é destacable a adquisición dun robot de última xeración que xa se encargou o pasado verán da limpeza dos vasos para que o seu mantemento sexa máis sinxelo.
No que se refire as pistas de tenis e baloncesto, estas foron acondicionadas nos últimos meses e, co seu pintado, melloraron considerablemente a súa imaxe. Fomentar o deporte, sobre todo ao aire libre en tempos de pandemia, foi o obxectivo do Concello.
Aplicación para reservar as entradas
As piscinas exteriores de Xinzo de Limia abriron este verán cunha imaxe renovada e cun novidoso servizo para reservar as entradas de forma telemática. O Concello puxo marcha unha app que permite controlar o aforo e facilitar este trámite a veciños e visitantes. Deste xeito, poden realizarse tamén os pagos dos pases e incluso reservas para distintas xornadas. Unha vez que se comprobou a utilidade do servizo, o executivo local ampliou, a través desta aplicación, a solicitude do pase ás pistas de pádel e tenis, que tamén foron sometidas a obras de acondicionamento nos últimos meses.
Esta aplicación gratuíta, que pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia, é de fácil manexo e só será necesario rexistrarse cun documento de identidade e un contrasinal para comezar a empregala.