Xinzo de Limia

As piscinas exteriores de Xinzo abrirán mañá cunha imaxe renovada e unha app que facilitará as reservas e o control de aforo

piscinas
piscinas

As piscinas exteriores de Xinzo de Limia abrirán mañá pola tarde cunha imaxe renovada e máis facilidades. Non só para que os usuarios poidan moverse polas instalacións, que foron sometidas a diferentes traballos de acondicionamento, senón tamén para reservar a súa entrada de forma telemática. O Concello, a través da consellería de Deportes que dirixe Rafa Penabad, vén de poñer en marcha unha app que permitirá controlar o aforo e facilitar este trámite a veciños e visitantes. Deste xeito, poden realizarse tamén os pagos dos pases e incluso reservas para distintas xornadas.

Esta aplicación gratuíta, que pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia, é de fácil manexo e só será necesario rexistrarse cun documento de identidade e un contrasinal para comezar a empregala. Os interesados poderán adquirir bonos ou entradas para diferentes xornadas, nas que se especifica o horario e o prezo dependendo de se o usuario é maior ou menor de 16 anos.

A normativa polo covid-19 non fará necesario acoutar parcelas nas piscinas exteriores este verán, se ben o executivo local quere extremar as medidas de seguridade e, a través desta aplicación, poderá realizar un seguimento máis exhaustivo do aforo.

Esta app tamén facilitará proximamente a reserva para facer uso doutras instalacións deportivas, como ás pistas exteriores de tenis e baloncesto, que serán de uso gratuíto e nas que se estiveron a realizar obras nas últimas semanas. Mais en concreto, levouse a cabo a limpeza e o pintado destas canchas emprazadas no entorno das piscinas municipais. Nos dous casos, e despois de varias probas, escolleuse o vermello como cor principal, co que melloran considerablemente a súa estética. No caso da pista de baloncesto, esta cor combinouse con gris para delimitar os diferentes espazos de xogo. Ademais, instalouse nun dos seus laterais unha nova canastra para que se poidan realizar torneos de 3x3.

Para que as piscinas puidesen abrir mañá as súas portas ao público foi necesario levar a cabo un arduo traballo, que centrouse en mellorar a calidade da auga coa posta en marcha dun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse. Tamén destaca a adquisición dun robot de última xeración que se encargará da limpeza dos vasos para que o seu mantemento sexa máis sinxelo.

Nesta liña de melloras tamén se substituíron os filtros de area e chaves de paso en mal estado, ademais de realizarse actuacións no sistema de aspiración. A impermeabilización é outro dos temas que preocupou ao executivo local, e traballouse no selado dos vasos para evitar que se produzan as perdas de auga. A imaxe das piscinas exteriores tamén mellorou considerablemente coa substitución das lousas deterioradas.