Xinzo de Limia

Problemas psicolóxicos, obesidade infantil, soidade ou adiccións, os obxectivos do Plan local de Saúde

plan de saúde
plan de saúde

Unha radiografía dos problemas de saúde dos diferentes segmentos da poboación de Xinzo será o punto de partida para mellorar a súa calidade de vida. Nesta máxima sustentase o primeiro Plan Local de Saúde do municipio, que vai tomando forma despois da toma de contacto que tivo lugar entre representantes do Concello, profesionais do centro de saúde e do centro de día e representantes dos catro centros escolares de primaria e secundaria da vila.

Os problemas psicolóxicos derivados da pandemia, a soidade dos maiores, a obesidade infantil, o consumo de bebidas azucradas, a necesidade de mellorar os desprazamentos en carril bici ou as adiccións no sentido máis amplo (medicamentos, substancias, alcol ou tabaco) foron só algúns dos problemas postos sobre a mesa nesta primeira reunión e polo tanto atallalos será tamén un dos obxectivos do primeiro Plan de Saúde de Xinzo. Todos os asistentes coincidiron en que os hábitos saudables adquírense na infancia e que aquí é onde hai que incidir.

A intención é que este grupo inicial vaia aumentando en posteriores reunións con representantes de colectivos, asociacións e organizacións con representación no territorio. Así o explicou a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama: “Traballadores sociais, educadores sociais, especialistas sanitarios, do ámbito deportivo, da igualdade de xénero e da sociedade civil irán achegando en cada área as carencias, os problemas e os activos necesarios para dar cunha solución que sexa posible e real”.

Esta primeira reunión serviu de base para marcar as canles de comunicación, establecer un cronograma e planificar as seguintes reunións nas que está previsto que participen diversos representantes da cidadanía. Trátase, en definitiva, de marcar unha folla de ruta sobre a que actuar, poñendo recursos humanos e materiais.

Cómpre recordar que a necesidade de elaborar un Plan Local de Saúde púxose de manifesto nas xornadas de saúde de Atención Primaria, premiadas coa primeira Beca de Medicina Rural e que se celebraron o pasado 5 de xuño en Xinzo, ademais de ser un compromiso electoral da propia alcaldesa asumido por todo o grupo de goberno no pacto firmado tras as eleccións municipais.

Entre os obxectivos do plan están a promoción de estilos de vida saudable, a detección de problemas na saúde da cidadanía ou a identificación das enfermidades predominantes entre a poboación, así como das súas causas.