A programación das Letras Galegas de Xinzo mesturará teatro, música e unha feira do libro con descontos para incentivar a lectura
Como cada mes de maio, a Concellería de Cultura de Xinzo de Limia vén de presentar a programación das Letras Galegas con actos que van máis alá da literatura e mesturan dende música ata teatro. Incentivar a lectura é o principal obxectivo, polo que a feira do libro da Praza Maior, prevista para o 17 de maio, ofrecerá descontos do 10 % para os exemplares en lingua galega. Nesa mesma xornada e no mesmo escenario, ás 19.00 horas, entregaranse os premios do Concurso literario de narrativa curta Carlos Casares, que repartirán case 2.000 euros entre os galardoados para mercar nas librarías da vila. Seguidamente, proxectaranse vídeos sobre Florencio Delgado, o homenaxeado coas Letras Galegas, realizados polos alumnos e alumnas dos CEIP de Xinzo.
Tamén o propio día no que se celebran as Letras Galegas, na Praza Maior organizouse a presentación do libro A revolta da lagoa, de Rafael Laso Lorenzo, ilustrado por Ximena Maier, e que inclúe a proxección do documental Antela, historia dunha desecación. Será a partir das 20.00 horas. No acto está previsto que interveñan a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o escritor Miguel Anxo Alonso Diz e o autor da obra.
A programación cultural non rematará o día grande das Letras Galegas e prevense actividades tanto antes como despois. Así, o día 16 de maio celebrarase na Igrexa Vella, a partir das 20,30 horas, o concerto Limia Máxica, da Agrupación Musical da Limia.
A traxectoria, a obra e máis a poética de Florencio Degado mostraranse ao público coa mostra teatral Tras o vieiros de Florencio, da man da Compañía Fantoches Baj. O espectáculo diríxese ao público adolescente e adulto e parte dun documento excepcional sobre a vida do poeta valdeorrés: a longa entrevista que concedeu a Dolores Pla, en agosto de 1979, na súa casa de Guadalaxara (México). Os textos desta entrevista mestúranse en Tras o vieiros de Florencio cos poemas do autor, os cales xiran arredor de tres eixes: poesía galeguista, poesía festiva e paisaxística e poesía intimista. A representación teatral terá lugar o día 21 de maio no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 20.00 horas.
O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, explicou que “a intención desta programación é achegar a cultura á rúa e promover a implicación de nenos e nenas para incentivar a lectura, ao mesmo tempo que se homenaxea a Florencio Delgado no Día das Letras Galegas”.