Xinzo de Limia

A programación deportiva de verán gaña peso en Xinzo con novos torneos e propostas para a conciliación das familias

programación deportiva
programación deportiva

A programación deportiva de verán de Xinzo de Limia achégase ao calendario con moitas novidades e a apertura do prazo de inscrición para as distintas actividades. O Concello, a través da concellería de Deportes, fai unha aposta decidida polo deporte base, para contaxiar a paixón polas diferentes disciplinas aos máis novos. Así, contémplase a categoría sub-14 ou sub-16 en torneos como o de Fútbol 7, o de Fútbol Sala Festas Santa Mariña ou os de Tenis e Pádel Vila de Xinzo. Este último súmase por primeira vez á programación. Tamén será novidade o Torneo de Fútbol 7 Piñeira Seca no campo do Touzal.

As propostas deportivas de verán comezarán co Torneo de Natación Concello de Xinzo, o 3 de xuño. O 16 de xuño haberá unha roda de capoeira e o 18 de xuño organizouse o Torneo de Baloncesto Vilas Internacional. Participarán máis de 30 equipos e 250 xogadores no de minibásket. O 20 de xuño arrancará o Xinzo Fit, unha proposta na que se unen deporte e saúde e que se repite un ano máis polo éxito colleitado noutras edicións. Ofreceranse actividades dirixidas como bailoterapia, pilates ou aeróbic, gratuítas e para toda a poboación. Desenvolveranse todos os martes e xoves a partir das 20.30 horas.

Tamén no mes de xuño, do 23 ao 27, programouse o Campus de Ximansia, ademais dos Campus de Fútbol e de Baloncesto. Ademais, para favorecer a conciliación familiar, o Campamento urbano arrancará o 3 de xullo en diferentes quendas.

Esta é a programación ao completo:

3 de xuño: Torneo de Natación Concello de Xinzo de Limia.

16 de xuño: Roda de capoeira fin de curso.

18 de xuño: Torneo de Baloncesto Vilas Internacional.

20 de xuño: Inicio do Xinzo FIT

Do 22 ao 27 de xuño: Campus de ximnasia.

Do 26 ao 30 de xuño: Campus de fútbol.

Do 26 ao 30 de xuño: Campus de baloncesto.

1 e 2 de xullo: Torneo de Fútbol 7 Piñeira Seca.

3 de xullo: Inicio do Campamento urbano.

8 e 9 de xullo: Torneo de Fútbol 7.

Do 10 ao 30 de xullo: Torneo de Tenis Vila de Xinzo.

15 e 16 de xullo: Torneo de Fútbol Sala Festas de Santa Mariña.

Do 21 ao 23 de xullo: Torneo de Pádel Vila de Xinzo.

Do 29 de xullo ao 6 de agosto: Campus Salva Arco.

Do 31 de xullo ao 4 de agosto: Campus Real Celta de Vigo.

5 de agosto: Torneo 3x3 de Baloncesto.

Os interesados en participar nalgunha das actividades xa poden inscribirse poñéndose en contacto coa concellería de Deportes no número de teléfono 988 461 020.