A programación deportiva de Xinzo será este verán a máis completa da súa historia con propostas novidosas
Un día despois de que a vila se convertese nun dos epicentros do deporte na provincia coa celebración da Carreira Popular Concello Xinzo de Limia, o salón de plenos da Casa Consistorial acolleu esta mañá a presentación da Programación Deportiva de Verán. Será a máis completa da súa historia, con preto dunha decena de novas propostas, máis aló do fútbol e do baloncesto e nunha aposta decidida por fomentar entre os máis novos os valores do equipo e a convivencia. No acto de presentación estivo presente a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Deportes, Rafa Penabad, acompañados dos representantes dos clubes e asociacións deportivas coas que se colabora na organización do programa: E.D.C. Xinzo, Limiactiva, Fusion Fitness, Club de Montaña As Catro Torres e A.B.Xinzo.
Co fin de incentivar a práctica deportiva entre todas as idades, recupéranse torneos que non se puideron celebrar o ano pasado, como o de Fútbol 7 e o de Pádel, tanto infantil como de adultos. Ademais, xorden novas propostas como dúas rutas de sendeirismo e unha carreira de obstáculos.
Co fin de facilitar a conciliación das familias nos meses nos que non hai colexio, volveuse a organizar o Campus de Verán, para nenos dende os 3 anos e en horario de 10.30 a 13.30, coa opción Madruga se é preciso. O prezo desta actividade será menor para os empadroados no municipio. As inscricións poderán facerse no pavillón de deportes ou na Casa da Cultura ata o 22 de xuño.
Pola gran acollida de pasadas edicións, recuperarase o XinzoFit na Alameda do Toural, os martes e xoves ás 20.00 horas e a partir do 28 de xuño.
A alcaldesa, Elvira Lama, insistiu en que as actividades están pensadas para diferentes grupos de idade: “Queremos promover a actividade física nos cativos pero tamén para maiores, organizando propostas como o XinzoFit, que tan boa acollida tivo en pasadas edicións”.
O concelleiro de Deportes, Rafa Penabad, agradeceu a colaboración dos clubes e das asociacións, para poñer en marcha a programación, “xa que sen eles non sería posible”.
O Concello de Xinzo colabora así coas seguintes propostas deportivas:
X Torneo Internacional de Minibásket: 25 de xuño. Organiza A.B. Xinzo.
VIII Campus de Tecnificación Fútbol: do 27 de xuño ao 1 de xullo. E.D.C. Xinzo.
Campus de Baloncesto A.B. Xinzo: do 27 de xuño ao 1 de xullo. A.B.Xinzo
Campus de Ximnasia: do 27 de xuño ao 1 de xullo. E.D.C. Xinzo.
Campus 2022: Do 4 ao 29 de xullo. E.D.C. Xinzo.
XinzoFit: Comeza o 28 de xuño. Alameda do Toural.
Torneo de Fútbol 7: 16 de 17 de xullo. E.D.C. Xinzo.
Torneo de Pádel Infantil: 18 e 19 de xuño. E.D.C. Xinzo.
Torneo de Pádel Sénior: 9 e 10 de xullo. E.D.C.Xinzo.
Torneo de Baloncesto 3x3: Mes de xullo. A.B. Xinzo.
Campus de Verán Fundación Celta: Do 1 ao 5 de agosto.
Andaina Vila de Xinzo: 24 de xuño. Club de Montaña 4 Torres.
O.C.R. Xinzo de Limia: Setembro. Fusion Fitness.
Campus Salva Arco: do 30 de xullo ao 6 de agosto. A.B. Xinzo.