Xinzo de Limia

A programación do 25-N comezará mañá en Xinzo con teatro e incluirá a plantación dunha árbore por cada vítima da violencia de xénero

25-N
25-N

Xinzo de Limia é un concello comprometido contra a violencia de xénero e así o demostra durante todo o ano, con accións como a instalación de sinais de tráfico que condenan esta lacra social en puntos concorridos da vila, entre outras actuacións. Para conmemorar o 25-N elaborouse unha completa programación que vai máis aló deste día e que comezará mañá, 22 de novembro, con teatro. No salón de actos da Casa da Cultura, a partir das 20.30 horas, representarase a obra titulada “As alumnas”, de Fina Calleja. Nesta xornada tamén se ofrecerán obradoiros de promoción da igualdade na Aula Cemit. A iniciativa xa se levou a cabo nos institutos a cargo do persoal do CIM para concienciar aos máis novos.

O 25-N está prevista a instalación dunha carpa informativa na Praza Maior, a partir das 10.00 horas. A lectura da declaración institucional comezará ás 12.00 horas neste mesmo punto. Ademais, estudantes do IES Lagoa de Antela plantarán unha árbore por cada vítima da violencia de xénero no entorno das piscinas exteriores, a partir das 11.00 horas.

Para loitar contra esta lacra social é clave a educación dos máis novos e por iso programouse para o día 28 de novembro unha charla informativa sobre as agresións sexuais e a violencia sexual. Levarase a cabo no IES Lagoa de Antela, ás 16.00 horas, e diríxese aos alumnos e alumnas dos dous institutos da vila.