O proxecto que humanizará os accesos a Xinzo conta con case 4 millóns de euros de investimento e está deseñado “por e para os peóns”
A humanización da travesía da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia está máis preto que nunca de ser unha realidade. O proxecto foi presentado esta mañá pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González.
En Xinzo, o delegado reiterou o compromiso do Goberno co desenvolvemento do mundo rural e dos concellos máis pequenos, como os da comarca limiá. Só a humanización da travesía de Xinzo suporá un investimento do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que se achegará aos 4 millóns de euros.
A alcaldesa, Elvira Lama, asegurou sentirse orgullosa de poder presentar un proxecto “que parecía unha utopía para un Concello modesto, con escasos recursos e un plan de axuste que impide moitas accións de goberno. Conseguir que este proxecto se faga realidade ben vale o máximo esforzo desta alcaldesa e do equipo de goberno. Transformar a principal vía de comunicación de Xinzo ben vale un mandato”
O proxectista Enrique Urcoa foi o encargado de dar os detalles dun proxecto “deseñado por e para os peóns”. As obras consisten na mellora da urbanización da contorna da N-525 ao seu paso por Xinzo, tratando por unha banda de separar o tráfico rodado da estrada das zonas destinadas ao uso peonil e ao estacionamento de vehículos, así como a dotación de servizos situados nas marxes e que con motivo das obras e dada a súa antigüidade, necesitan ser renovados.
As principais actuacións serán a ampliación do espazo do paseo peonil con creación de zonas de estancia, maior seguridade para o peón, creación de carril ciclista, e racionalización do tráfico.
Procederase tamén a soterrar a liña de iluminación pública, retranquearanse as luminarias e semáforos existentes, adaptándoos á nova aliñación das beirarrúas, que gañarán anchura permitindo o paso cómodo e seguro dos peóns.
O Ministerio de Transportes construirá dúas glorietas e na zona do Pombal e da Praza Maior crearase unha plataforma elevada ao mesmo nivel das beirarrúas, para priorizar os tráficos peonís. Tamén se sobreelevarán dous pasos de peóns, dous pasos ciclistas e dispoñerase un atenuador de velocidade sobreelevado.
Habilitaranse zonas axardinadas para separar a zona peonil do tráfico rodado e as circulacións peonís e ciclistas.
O obxectivo deste proxecto é potenciar o núcleo de Xinzo de Limia, e que sirva como área de unión e desenvolvemento de actividades de lecer e racionalización do tráfico urbano de maneira sostible e accesible para todos, fomentando o desprazamento peonil e a mobilidade alternativa ciclista, como parte cotiá, diaria e sostible, máis segura e atractiva, evitando o uso do vehículo particular para pequenos movementos dentro do propio núcleo de poboación de Xinzo de Limia e axudando a integrar a bicicleta como parte importante dos desprazamentos.