Xinzo de Limia

Remata coa entrega de diplomas o “histórico” Obradoiro de Emprego Vía da Prata, que fixo unha discriminación positiva en favor da muller

diplomas3
diplomas3

“O noso parque”. Así chaman agarimosamente as alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata á obra estrela que levaron a cabo nas últimas semanas. Co seu esforzo conseguiron converter unha área degradada á beira do río Limia, ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara, nun punto de reunión ao aire libre para veciños/as e peregrinos/as. Esta mañá celebrouse no salón de plenos da Casa Consistorial o acto de entrega dos diplomas –a trece mulleres e tres homes- e os participantes imaxinaban o día no que poderían levar aos seus netos a coñecer este espazo.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, estivo acompañada polos concelleiros Ramón Gómez e Manuel Pérez, a concelleira de Sandiás, Pilar Cabrera, e o xefe territorial de Emprego e Igualdade, Iago Borrajo.

A rexedora asegurou que o Obradoiro de Emprego Vía da Prata é “histórico”, pois permitiu realizar unha discriminación positiva en favor das mulleres: “Deste xeito é posible demostrar que homes e mulleres estamos igualmente capacitados para calquera tipo de traballo”. Cabrera agradeceu a colaboración co Concello de Xinzo de Limia e coa Consellería de Emprego e Igualdade para poder levar a cabo as distintas actuacións nos dous municipios e Borrajo, pola súa banda, desexou aos participantes que os traballos realizados “sirvan de cara a mellorar a inserción laboral”.

Cómpre destacar que para dirimir os posibles empates dos candidatos a participar no Obradoiro de Emprego Vía da Prata establecéronse os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.

A obra estrela que xa se pode visitar

As alumnas conseguiron converter a antiga escombreira, emprazada ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara, á beira do río Limia, nunha zona de esparcemento para veciños/as e peregrinos/as. As obras consistiron na construción dunha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre. Ademais, creouse un novo xardín con preto de 200 novas plantas e árbores. Un pequeno estanque tamén decora este espazo no   que as alumnas puxeron todo o seu empeño.

Outros espazos da vila como o parque do Pombal tamén mudaron de imaxe nos últimos meses polo traballo das alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata. Máis en concreto, realizáronse traballos para arranxar a pavimentación das lousas e acondicionar as beirarrúas e tamén labores de xardinería.

Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnas traballadoras durante un período de tempo de nove meses.