Xinzo de Limia

Rematan as obras nas piscinas de Xinzo e a súa apertura, prevista para a fin de semana, só está pendente dos análises de Sanidade

piscinas1
piscinas1

Os traballos para a substitución do pavimento da zona de praia das piscinas municipais (cambiáronse as lousas por formigón con fibra impreso para evitar caídas) chegaron ao seu fin despois de acumular varios retrasos na súa entrega por parte da empresa contratada. Onte empezaron xa as tarefas de enchido do vaso da piscina, que rematarán ao longo do día de hoxe, polo que xa só quedarían as análises de Sanidade para a súa apertura, que o goberno agarda que se produza de cara á fin de semana.

Estas obras, adxudicadas no mes de abril cun prazo de execución dun mes e que por motivos alleos ao Concello de Xinzo sufriron demoras, supoñen unha inversión de preto de 48.000 euros. As condicións meteorolóxicas das últimas semanas, primeiro cunhas altas temperaturas que agretaron o pavimento  e logo coas chuvias, tampouco axudaron. En calquera caso, coa esta  actuación mellorase a seguridade dentro das instalacións, evitando as caídas que se producían co anterior pavimento.

En paralelo á apertura das piscinas exteriores, a climatizada adiantará o peche que habitualmente se produce en agosto, pasando todo o seu persoal –tanto socorristas como monitores e de limpeza- a desempeñar as mesas tarefas nas piscinas de verán. Con esta decisión, sálvase a imposibilidade coa que se están atopando este ano os concellos de toda Galicia para contratar socorristas, xa que a demanda destes profesionais é moi superior á oferta. E tamén evítase a externalización da xestión e do servizo de limpeza das instalacións, como se viña facendo ata o de agora.

Incremento dos custos

Tamén existen motivos económicos e de eficacia na xestión que argumentan a decisión de adiantar o peche da piscina climatizada, que a día de hoxe permanece aberta, pois o custo do seu funcionamento sufriu un notable incremento durante este ano por un dobre motivo. Por unha banda, o seu persoal pasou ao convenio colectivo do Concello dende o 1 de xaneiro de 2022, despois de que se subrogara cando a empresa que a xestionaba abandonou a concesión. Dende entón, os salarios deste persoal adecuáronse ao ver recoñecida a súa categoría profesionais en igualdade de condicións cos demais traballadores e traballadoras municipais. Neste incremento do custo do funcionamento da piscina inflúe tamén o elevado prezo do gasóleo co que se quenta a auga. Así, nos primeiros catro meses do 2022 a factura de combustible duplicou a de todo o ano 2020 ou 2021.

O goberno municipal pide desculpas publicamente (ademais de facelo de xeito privado a través dunha carta) aos usuarios da piscina climatizada, especialmente aos 104 abonados que fan uso habitual dela ao longo de todo o ano. Durante este tempo, e ata a reapertura en setembro, levaranse a cabo tarefas de limpeza, mantemento e posta a punto.