A segunda edición da Gala do Deporte de Xinzo volverá a premiar en pleno Nadal a equipos e deportistas destacados
O Concello de Xinzo de Limia, a través da concellería de Deportes que dirixe Rafa Penabad, volverá a premiar a aqueles deportistas, entidades ou clubs destacados, recoñecendo publicamente o seu esforzo, dedicación e entrega. O obxectivo é transmitir os valores do deporte aos máis pequenos e á poboación en xeral para fomentar a práctica deportiva. Será a segunda Gala do Deporte e volve a enmarcarse dentro da programación de Nadal. Terá lugar o próximo 29 de decembro, ás 19.30 horas, no pavillón municipal. O evento será presentado por Patricia Santana e Pablo Ríos e contará coa actuación do Mago Deimi.
Os galardoados e galardoadas daranse a coñecer nos próximos días e son candidatos os deportistas que participaran nalgún campionato oficial de ámbito provincial, autonómico, nacional ou internacional, obtendo algún resultado meritorio a xuízo da comisión organizadora da gala. Tamén aqueles/as nados no concello, veciños e veciñas empadroados con residencia no concello de Xinzo de Limia ou con licencia federativa en vigor con algún club inscrito no rexistro de actividades deportivas.
Tamén optan á distinción os equipos locais que participasen nalgún campionato oficial de ámbito provincial, autonómico, nacional ou internacional, obtendo algún resultado meritorio e aqueles inscritos no rexistro de entidades deportivas do concello. Poderán ser galardoados, ademais, deportistas que sendo locais, formen parte de equipos non vinculados ao concello e que resultaran campións a nivel nacional ou superior.