Xinzo de Limia

Un total de 39 músicos da Banda de Gaitas percorren, acompañados de Elvira Lama, 2.500 quilómetros para asistir ao Festival de Strakonice

banda
banda

A Banda de Gaitas de Xinzo de Limia levará moi lonxe o nome desta terra. Un total de 39 músicos, acompañados da alcaldesa, Elvira Lama, comezaron onte á noite unha viaxe en autobús de arredor de 2.500 quilómetros e 30 horas de duración para participar no Festival Strakonice. A media mañá entraban por terras francesas coa previsión de chegar ao seu destino mañá. O evento cultural celebrarase nesta pequena localidade da República Checa do 25 ao 28 de agosto e a agrupación compartirá escenario con artistas de diferentes países. Está previsto que a banda de Xinzo sexa recibida na Casa Consistorial de Strakonice o xoves pola tarde.

O director da Escola Municipal de Gaitas&Percusión de Xinzo de Limia, Fernando Dopico, asegurou que o Festival será “un escaparate excepcional para dar a coñecer a música galega, xa que se trata dun evento moi consolidado. Será un logro máis no currículo da banda”.

A viaxe estase a desenvolver con normalidade e Dopico confía en que ao longo desta tarde poidan realizar ensaios no autobús para prepararse para as actuacións do Festival, onde compartirán escenario con outros músicos de Bretaña, Inglaterra, Bélgica, Holanda, Italia, Croacia, Eslovaquia e República Checa, entre outros.

É a segunda vez que a alcaldesa, Elvira Lama, acompaña á Banda de Gaitas de Xinzo nunha viaxe ao estranxeiro e subliña que é unha honra “poder asistir cos músicos en representación do Concello, de Ourense e de España nun festival tan importante para levar o nome de Xinzo de Limia por todo o mundo”. A rexedora tamén se mostra moi convencida de que “ farán unha magnífica actuación en Strakonice”. Na viaxe tamén colabora a Deputación de Ourense co obxectivo de dar a coñecer a nosa cultura e a nosa tradición.

Cómpre destacar que os músicos actuarán con catro bailadores do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol. Todos mostrarán o seu talento nun dos festivais máis emblemáticos, antigos e vistosos do mundo das gaitas europeas.