Xinzo de Limia

A tradición do Samaín volve con forza a Xinzo, que programa dende espectáculos de lume e danza ata obradoiros de cabazas para os máis pequenos

Samaín2
Samaín2

Unha das tradicións máis enraizadas da nosa terra, o Samaín, volve con forza a Xinzo de Limia. Trátase dunha data na que os celtas celebraran o fin do verán e o comezo do inverno e que a Asociación Civitas Limicorum, en colaboración co Concello, quere recuperar cun amplo programa de actividades. A Praza Maior será o epicentro dos actos dende as 16.00 horas, cando os máis pequenos poderán participar en obradoiros de baleirado de cabazas ou pinturas terroríficas, entre outras propostas. Ás 19.00 horas servirase unha gran chocolatada e unha hora máis tarde comezará o espectáculo de Danza das Momias (20.00 horas), que dará paso ao Baile dos mortos viventes (20.15 horas) e ao espectáculo de lume (20.30 horas). A forza da queimada é o título da actuación que se agarda a partir das 21.15 horas e na que tamén se poderá degustar a bebida típica galega.

O presidente da Asociación Civitas Limicorum, Marcos Argibay, asegura que o obxectivo “é recuperar a tradición do Samaín, ao mesmo tempo que se dinamiza a economía do pobo, tendo en conta que os máis pequenos non teñen clase e que parece que o tempo acompañará”.  

As ANPA dos CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares tamén contribuirán a que os máis pequenos coñezan a celebración. No primeiro estase a organizar un concurso de alfombras terroríficas que sairán ás rúas de Xinzo de Limia e que deberán ser elaboradas con materiais naturais e de refugallo. O Carlos Casares promove un certame  de vasoiras que tamén ambientará o centro da vila.

De disfraces é o concurso que promoven dende o Conservatorio de Música, entre os días 26 e 28 de outubro. Os alumnos e alumnas poderán asistir disfrazados ás clases para participar. Os premios repartiranse o venres cun fin de festa a partir das 19.00 horas.