Unanimidade no Concello para apoiar as demandas dos centros e esixir recursos á Xunta para un curso seguro
A Corporación municipal aprobou hoxe en pleno e por unanimidade o apoio incondicional ás demandas dos centros educativos da vila. A moción, conxunta e urxente, foi aprobada cos votos das concelleiras e concelleiros das 5 formacións que a forman: PP, PSOE, AXIL, BNG, XA e Cidadáns.
O acordo inclúe tamén a petición á Xunta de Galicia de dotación económica para atender os gastos extraordinarios ocasionados ao Concello neste inicio de curso en materia de desinfección, limpeza e mantemento, así como os recursos adicionais para que os servizos de transporte, comedor e conciliación familiar sexan prestados con todas as garantías de seguridade.
Estes son os acordos:
- Apoiar en todas as súas demandas ao equipo directivo do IES CIDADE DE ANTIOQUÍA diante da Inspección Educativa e diante da Consellería de Educación, nomeadamente a solicitude de dotación de tres prazas de docentes para poder iniciar o curso cunhas mínimas garantías de seguridade e saúde, tal como se pide no informe elaborado polo equipo directivo do centro.
- Esixir da Consellería de Educación que atenda as necesidades de profesorado no CEIP ROSALÍA DE CASTRO, que lle foron demandadas mediante acordo da Xunta de Portavoces deste Concello en data recente.
- Solicitar da Xunta de Galicia dotación económica para atender os gastos extraordinarios ocasionados a este Concello por causa da pandemia, en persoal para tarefas de desinfección, limpeza, mantemento das infraestruturas para os catro centros de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, así como para o Conservatorio de Grao Profesional.
- Esixir da Consellería a dotación de todos os recursos adicionais precisos para que os servizos de transporte, comedor e conciliación familiar poidan ser prestados con todas as garantías de seguridade.
- Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta, á Consellería de Educación, á FEGAMP e ao Concello de Porqueira.
Texto íntegro da moción:
MOCIÓN CONXUNTA URXENTE SOBRE AS DOTACIÓNS E RECURSOS NECESARIOS PARA O COMEZO DO CURSO ESCOLAR 2020-2021 NOS CENTROS DE ENSINO DO CONCELLO DE XINZO
EXPOSICION DE MOTIVOS
Esta corporación ten o deber de apoiar as demandas da comunidade educativa no inicio do curso 2020-2021, nomeadamente ás do IES CIDADE DE ANTIOQUÍA, onde os nosos alumnos e alumnas, xunto cos doutros concellos da Limia, cursan estudos de Secundaria, Bacharelato e distintos graos de Formación Profesional.
De novo é a falta de dotación de recursos humanos necesarios, neste caso o incremento de tres docentes no cadro de persoal solicitados desde o centro educativo. O equipo directivo actual, despois de moito traballo e cun informe que avalan desde a propia Inspección Educativa, ameaza coa dimisión se non se atenden as súas demandas, tal como asinaron nun escrito e como así nos transmitiron na visita ao propio centro.
Non se tivo en conta o número de aulas dispoñibles en cada centro nin as dimensión das mesmas para garantir a distancia de 1,5 metros, nin a necesidade de aumentar as unidades por curso para desdobrar, nin se atenden as solicitudes de incrementar o número de docentes.
Todo iso a pesar de que este Concello puxo ao dispor da Consellería a posibilidade de aumentar os espazos docentes coas aulas da Casa da Cultura e cos centros sociais dos pobos que fosen necesarios, ofrecemento que foi rexeitado amablemente.
O pasado venres, nunha clara mostra de improvisación por parte da Consellería de Educación, e despois do plante de varios equipos directivos por toda a xeografía galega, decidiuse aprazar unha semana o inicio do curso inicialmente prevista para o día 16 de setembro.
Durante a fin de semana soubemos que a Consellería traslada agora a problemática aos centros para que cada un se apañe como poida, co espazo que ten e co mesmo persoal docente.
Os aprazamentos non van solucionar os problemas porque o que se precisan son recursos, económicos e de persoal. Cuns rateos de 30 alumnas e alumnos por aula, e con espazos que non cumpren a normativa elaborada polas propias Consellarías de Educación e Sanidade, está claro que non se pode empezar un curso escolar atípico sen poñer en risco a seguridade e a saúde de toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado e demais persoal dos centros.
Nun contexto de pandemia como o que estamos a vivir, garantir espazos seguros para a saúde e saudables para a educación é tarefa de todos, pero é responsabilidade da Consellería de Educación en exclusiva a dotación de persoal docente.
Por todo o exposto, o pleno da corporación municipal de Xinzo adopta os seguintes:
ACORDOS
- Apoiar en todas as súas demandas ao equipo directivo do IES CIDADE DE ANTIOQUÍA diante da Inspección Educativa e diante da Consellería de Educación, nomeadamente a solicitude de dotación de tres prazas de docentes para poder iniciar o curso cunhas mínimas garantías de seguridade e saúde, tal como se pide no informe elaborado polo equipo directivo do centro.
- Esixir da Consellería de Educación que atenda as necesidades de profesorado no CEIP ROSALÍA DE CASTRO, que lle foron demandadas mediante acordo da Xunta de Portavoces deste Concello en data recente.
- Solicitar da Xunta de Galicia dotación económica para atender os gastos extraordinarios ocasionados a este Concello por causa da pandemia, en persoal para tarefas de desinfección, limpeza, mantemento das infraestruturas para os catro centros de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, así como para o Conservatorio de Grao Profesional.
- Esixir da Consellería a dotación de todos os recursos adicionais precisos para que os servizos de transporte, comedor e conciliación familiar poidan ser prestados con todas as garantías de seguridade.
- Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta, á Consellería de Educación, á FEGAMP e ao Concello de Porqueira.
En Xinzo de Limia, a 15 de setembro de 2020