Xinzo de Limia

A USC promove en Xinzo un seminario para favorecer a participación das persoas migrantes en diferentes instancias da vida pública

seminario
seminario

Xinzo de Limia é un exemplo de convivencia entre culturas. Pero aínda queda camiño por percorrer. A Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación Esculca, e o Concello colaboran no seminario Implicación familiar e cívico-social nas comunidades de acollida, que se desenvolverá do 18 ao 26 de novembro. O obxectivo é poñer en valor a importancia da participación social de persoas migrantes en diferentes instancias da vida pública. Así farase efectiva a implicación cívico-social e os seus beneficios para mellorar o benestar individual e familiar.

Na iniciativa participarán expertos da USC e unha representante da asociación Médicos do Mundo. Algúns dos temas que se tratarán durante a programación son a relación entre a administración local e a escola; a muller e a familia no século XXI; as vías de acceso ao sistema sanitario para persoas migrantes en Galicia ou a implicación familiar e o rendemento académico.

En total, serán 40 horas de formación e os interesados obterán máis información e poderán inscribirse no departamento de Educación, Inmigración e Minorías do Concello de Xinzo de Limia.

Cómpre destacar que o grupo de investigación Esculca da USC que promove o seminario desenvolve o seu labor no eido da educación en xeral e da pedagoxía en particular. As accións que realizan son a organización de congresos e seminarios, simposios e xornadas científicas, ademais de colaborar en actividades de formación do profesorado e doutros profesionais de educación e dos Servizos Sociais.

O concelleiro de Educación, Saúde e Servizos Sociais, Alberto Martínez, destacou a relevancia deste seminario, “que se destina tanto á poboación que acollemos como á sociedade de acollida”.