Xinzo de Limia

Cinco videocámaras instalaranse no corazón de Xinzo para garantir a seguridade de veciños e visitantes na fin de semana grande do Entroido

mapa
mapa

Para que os veciños e visitantes só teñan que pensar en vivir o Entroido coa ilusión que caracteriza a estes tradicionais festexos e sen incidencias, o Concello de Xinzo de Limia traballa arreo para garantir a súa seguridade. Hai unha semana que se celebrou na Casa Consistorial unha reunión na que estivo presente a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; o edil de Tráfico e Seguridade, Ramón Gómez; ademais de responsables de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e Axencia Galega de Emerxencias. Coordinouse así o dispositivo de seguridade para as próximas horas.

Esta será a fin de semana grande do Entroido e a videovixilancia será clave para previr os incidentes. A Axega instalará un Posto de Mando Avanzado e cinco videocámaras nos seguintes puntos:

-Cruce da Avenida de Ourense coa Rúa Marcelo Macías: Cubrirá a parada de autobuses, a Avenida de Ourense e a Rúa do Peto.

-Esquina Avenida de Ourense coa Rúa do Peto: Cubre Marcelo Macías.

-Avenida de Madrid, fronte a Praza Xoán XXIII: Cubre Avenida de Madrid e Praza dos Ovos.

-Esquina da Rúa Constitución con San Roque: Cubre o Barrio de Abaixo.

O camión da Axega permanecerá na Praza Maior e a súa videocámara cubrirá esta zona. Para permitir a instalación deste vehículo e dos dispositivos de videovixilancia será preciso restrinxir o tráfico dende as 17.00 horas de mañá. Ás 22:00 horas está previsto que se poña en funcionamento o Posto de Mando Avanzado (PMA) ata as 6:00 horas.

Disconformidade do Concello cos horarios de autobuses

Tamén en aras de manter a seguridade na vila durante os próximos días, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, mantivo reunións con representantes da Dirección Xeral de Mobilidade e Sanidade e mostrou a súa disconformidade co servizo que unha empresa de autobuses galega oferta para esta fin de semana, toda vez que o retorno  dende a vila ata Ourense levaranse a cabo a altas horas da madrugada (4:00, 6:00 e 8:40 horas), en algúns casos incluso despois do horario de peche do ocio nocturno.

Dada a negativa da Xunta de Galicia a modificar os horarios ofertados pola empresa, Elvira Lama solicitoulles que garantan a seguridade sanitaria e o orde público, especialmente nas saídas de Xinzo de Limia a Ourense. Trátase dun servizo de transportes que conta con parada en Allariz e que principalmente demanda xente nova, co risco de que a estas horas da madrugada, xa cos bares pechados, deriven en botellóns, cun risco sanitario e de orde público.

Este servizo autobuses ata altas horas da madrugada, co que o Concello de Xinzo non ten nada que ver, contrasta coas medidas adoptadas polo goberno local para garantir a seguridade sanitaria no entroido, con supresión de orquestras, concertos, carpas para evitar aglomeracións ou incluso limitando o horario das charangas ata as 11.00 da noite.

Restricións de tráfico durante os próximos días

No referente aos cortes de tráfico, dende mañá e ata o martes, ademais do Domingo de Piñata, haberá que realizar restricións entre os puntos quilométricos 197,500 e 199,500 da estrada N-525 e habilitaranse os correspondentes desvíos alternativos. Os cortes realizaranse nos seguintes días e horarios:

Sábado, 26 de febreiro do 2022: de 17:00 a 06:00 horas da mañá.

Domingo, 27 de febreiro do 2022: de 17:00 a 21:00 horas.

Luns, 28 de febreiro do 2022: de 17:00 a 23:00 horas.

Martes, 1 de marzo do 2022: de 17:00 a 21:00 horas.

Domingo, 6 de marzo do 2022: de 17:00 a 21:00 horas.

Cómpre destacar que o sábado de Entroido restrinxirase o acceso á vila aos autobuses e só poderán chegar ata a parada as liñas regulares, para o resto establecerase un peche e habilitarase a explanada dos institutos como punto de carga/descarga de viaxeiros.

Dende o Concello de Xinzo vólvese a facer un chamamento á prudencia e anímase aos veciños e visitantes a participar no Entroido con responsabilidade e, preferiblemente, durante as horas do día.