Xinzo adica todos os recurso posibles a axudas pola crise e pide igual esforzo ás outras administracións
O Concello de Xinzo aprobou hoxe por unanimidade adicar todos os recursos posibles, no marco dos presupostos de 2021, a axudar aos sectores afectados polos peches, limitacións e restricións horarios derivados da crise sanitaria.
Este é primeiro acordo dunha batería de iniciativas que pretenden paliar os efectos negativos que a actual situación está a provocar na economía local, polo que tamén por unanimidade se acordou esta mañá instar ao resto de administracións a facer esforzos similares.
En concreto, acordouse que a entidade local solicite, co respaldo de todos os grupos, liñas de axudas directas tanto á Deputación Provincial, como á Xunta de Galicia e ao Estado para os sectores máis danados pola pandemia e que son estratéxicos para a economía local, como a hostalaría , o comercio local ou a agricultura, entre outros.
Por outro lado, tamén demanda das mesmas administracións partidas económicas para que o Concello de Xinzo poda facer fronte aos gastos derivados da situación creada pola covid-19.
En paralelo, o pleno de hoxe, reunido con carácter extraordinario ante o agravamento da situación epidemiolóxica de Xinzo, acordou pedirlle á Xunta de Galicia que se estude a elevada taxa de incidencia do Concello e a comarca e que continúen adoptándose todas as medidas que foran necesarias para protexer a saúde dos veciños e veciñas, así como trasladar todos os acordos ao resto de municipios da bisbarra por si quixeran realizar solicitudes similares.
De xeito simbólico, os concelleiros e concelleiras de todos os grupos renunciaron a cobrar tanto por este pleno como pola xunta de portavoces do martes pasado (na que se alcanzou o acordo aprobado hoxe) para destinar ese diñeiro a Servicios Sociais.
O pleno extraordinario de hoxe tivo lugar 4 días despois do cribado realizado en Xinzo e comarca a petición do Concello de Xinzo e de que o propio Goberno local decidise recomendar a todos os veciños e veciñas o adiante ás 20:00 horas do toque de queda, así como o peche do comercio local ás 18:00. O nivel de cumprimento de ambas recomendacións está nun 90%, tanto por parte da poboación en canto ao toque de queda como do comercio local no referente ao adianto da hora de peche.
Estes son os acordos adoptados hoxe:
- Habilitar nos vindeiros orzamentos municipais para o ano 2021 todos os recursos posibles para axudar aos sectores afectados polos peches, limitacións e restricións horarias.
- Solicitar da Xunta de Galicia que se estude a elevada taxa de incidencia do Concello de Xinzo e da comarca e que continúen adoptándose todas as medidas que foran necesarias para protexer a saúde dos veciños e veciñas.
- Solicitar da Deputación Provincial de Ourense, da Xunta de Galicia, e do Goberno do Estado liñas de axudas directas a os distintos sectores da economía do noso concello, nomeadamente hostalaría, comercio local, e agricultura entre outros.
- Solicitar da Deputación Provincial de Ourense, da Xunta de Galicia e do Goberno de España partidas económicas destinadas ao Concello para gastos derivados da situación creada pola Covid-19.
- Dar traslado deste acordo á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e a Deputación provincial de Ourense.
- Dar traslado do presente acordo ós Concellos da Comarca da Limia, por si quixeran formular solicitudes en termos similares.