Xinzo de Limia

Xinzo aproba o presuposto máis ambicioso e inversor da súa historia nun pleno marcado pola unanimidade

 

O Concello de Xinzo de Limia vén de aprobar en pleno o orzamento “máis ambicioso” dos últimos anos. As contas, que ascenden a 8 millóns de euros, teñen o capítulo de inversión máis alto da historia e redundarán na calidade de vida dos veciños e nos colectivos máis afectados pola crise actual. Así o recalcou a alcaldesa Elvira Lama: “Este goberno está facendo todos os esforzos para axudar á hostalería, empresarios ou autónomos e así o seguiremos facendo mediante as modificacións de crédito que sexan pertinentes”. Ademais, a rexedora insistiu en que “as axudas non só se miden en cartos, senón que moitas veces tamén en iniciativas, en mellorar infraestruturas ou en acompañar aos veciños en peticións ante outras administracións”.

Máis en concreto, o orzamento ascende a 8 millóns de euros en canto ao capítulo de gastos e a 8.476.000 no capítulo de ingresos. A diferenza entre ambas cantidades responde ao plan de axuste ao que está sometido o Concello debido á delicada situación económica na que se atopaba. Neste sentido, o Ministerio de Facenda fixo a recomendación de reducir un 3% os gastos de persoal e corrente. No que se refire ao capítulo de inversión real, este ascendería a un total de 962.750 euros. A esta cantidade sumaríanse as axudas para asociacións e entidades ou ao fondo de continxencias. Na sesión plenaria de onte, as contas aprobáronse definitivamente cos votos favorables de todos os partidos con representación na corporación municipal, agás o PP. Con todo, este foi un pleno marcado pola unanimidade.

Por acordo de todos os grupos políticos deuse luz verde á moción conxunta dos grupos municipais de PSdG-PSOE, AXIL, XA, BNG e da concelleira non adscrita para solicitar ao Goberno Central a autorización excepcional na comarca da Limia do uso do antexermolante DMN. Así explicou o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, a importancia que ten a proposta para Xinzo de Limia, unha vez que a Comisión Europea xa non autoriza o Clorprofam: “Esta é unha comarca agrícola por excelencia e a que máis conserva a pataca. O noso éxito é precisamente ese, pero isto supón a adecuación das naves e poder facer un tratamento efectivo. O DMN vén dun composto natural da propia pataca que xa se autorizou noutros países como Alemania, Bélxica ou Francia”

Tamén co visto bo de todos os grupos saíu adiante a modificación do regulamento do servizo de abastecemento de auga potable e a modificación do regulamento do servizo de vertidos á rede de sumidoiro do Concello. Trátase de autorizar ás naves de uso agrario a que se podan conectar á rede de abastecemento e que poidan verter á rede xeral de saneamento sempre que non haxa vertidos que superen os límites da escala contaminante que establece o regulamento de vertidos. O obxectivo é reducir o número de fosas sépticas que empregan actualmente, sempre e cando os seus vertidos cumpran os requisitos legais, mentres que si non é así, terán que ter a súa propia instalación depuradora para o tratamento das súas augas residuais.

No pleno tamén se debateu unha moción do Partido Popular para que se elabore un Plan de Auto-proteción de edificios e eventos. Tal e como afirmou o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, xa se aplicou no último entroido que se puido celebrar con gran éxito e os técnicos seguen traballando para estendelo a outros inmobles como a Casa de Cultura. A proposta aprobouse por unanimidade.

O pleno acordou aprobar o expediente de honra ao capitán da Garda Civil José Luís Casas. Destacouse a súa dedicación a prol da seguridade dos veciños de Xinzo de Limia e remarcouse a súa colaboración coa Policía Local. Está previsto que mañá se lle faga entrega da Medalla do Concello de Xinzo de Limia nun acto que terá como escenario o salón de plenos ás 12:00 horas.

Cómpre destacar que ao comezo da sesión plenaria todos os asistentes gardaron un minuto de silencio pola morte do pai do concelleiro Amador Díaz e que no pleno os edís que o desexaron participaron de forma telemática, ao mesmo tempo que os interesados accederon en directo a través da páxina do Facebook do Concello de Xinzo.