Xinzo de Limia

Xinzo bautiza en feminino tres rúas, unha pista e un parque para afianzar a súa loita pola igualdade

pleno
pleno

O Concello de Xinzo de Limia segue firme no seu propósito de lograr a igualdade real. E o segue demostrando con feitos. Na sesión plenaria celebrada esta mañá aprobouse por unanimidade o expediente para o cambio de denominación de rúas e a súa numeración. Así, a pista de Morgade pasará a denominarse Avenida da Lagoa; a rúa Devesa A chamarase Inés de Castro; a rúa Devesa B será Clara Campoamor; a rúa Devesa C levará o nome de Marie Curie e o parque emprazado entre a Devesa A e B será coñecido como o parque das Trece Rosas. A alcaldesa, Elvira Lama, asegurou que esta medida “é un paso máis na loita en favor da igualdade, xa que este goberno intenta seguir avanzando neste eido”.

A rexedora tamén anunciou no pleno, a partir dunha pregunta do PP, o derrubamento dun muro en mal estado do campo de fútbol José Antonio Fernández Carrera.

O Concello de Xinzo acometerá esta actuación e substituirá o muro por un peche provisional para evitar accidentes, pero  sobre todo reiterou a necesidade de acometer o proxecto de mellora das instalacións, executado a medias e que o goberno local pretende concluír implicando tamén á Xunta na súa execución. Así se lle trasladou tamén a responsables autonómicos de deportes o pasado mes de setembro nunha visita realizada ás instalacións e na que quedou patente o estado no que se atopa o complexo deportivo. Cómpre recordar que a Deputación provincial tan só habilitou ata o de agora unha terceira parte das gradas, quedando tamén pendente a construción dos vestiarios e da cafetería.

Na sesión plenaria tamén saíron adiante outros puntos como o que se levou por vía de urxencia para avanzar nas obras de consolidación do Mosteiro de Trandeiras. Coa abstención do Partido Popular, aprobouse a cesión temporal dos terreos por parte dunha decena de propietarios para que a Confederación Hidrográfica execute as obras recollidas no proxecto. A alcaldesa, Elvira Lama, lamentou que o PP non votara a favor desta actuación.  “É unha mágoa que se absteñan neste tema despois de que se conseguiran 915.000 euros para que o Mosteiro, propiedade do concello, non se veña abaixo e poida ser visitable. Conseguir a disposición dos terreos non é fácil tampouco. Pero seguiremos coa labor de lograr o maior financiamento posible para conseguir fondos desta e doutras administracións”. 

Co acordo de todos os grupos aprobouse a modificación das ordenanzas reguladoras da taxa polo servizo de sumidoiros e de subministración de auga a domicilio e a execución dun estudo de detalle en Guntimil.

O grupo de goberno votou en contra da moción do Partido Popular en relación á ocupación de vivendas ao considerarse que algunhas das medidas que se propoñen poden ser anticonstitucionais. A alcaldesa insistiu en que aínda que é un tema preocupante, máis o é a situación de vulnerabilidade na que se encontran moitas persoas na crise actual e que “de non recortarse tanto en vivendas sociais quizás non estaríamos falando agora desta problemática”.

Saíu adiante co apoio de todos os grupos a proposta do PP sobre a rúa Curros Enríquez, onde se acometeron obras que presentan deficiencias nalgún punto. A rexedora recordou que o órgano contratante é a Deputación e que unha vez que se asuma a súa responsabilidade polas deficiencias detectadas, o Concello actuará onde sexa necesario.