Xinzo contará cunha planta de xestión de plásticos agrícolas nunha parcela ao aire libre
O Concello de Xinzo de Limia contará cunha planta de xestión de plásticos agrícolas nunha parcela ao aire libre do seu parque empresarial. Mellorar a situación medioambiental da comarca é o obxectivo que persegue a construción destas instalacións, que xa contan cun anteproxecto e pretenden ser un referente na recollida e tratamento de residuos que proveñan, maioritariamente, do sector da agricultura.
Para evitar o impacto medioambiental deste tipo de restos, na planta traballaríase na clasificación e empaquetado de todo tipo de plásticos e residuos para o seu posterior envío a outros xestores que procedan ao seu reciclaxe. Os restos almacenaranse en contedores abertos, estancos, xaulas, caixas e contedores para líquidos, en cantidade suficiente para mantelos nas distintas fraccións de recollida. O centro de traballo será, maioritariamente, un espazo aberto.
Tal e como se recolle no anteproxecto, a rede de saneamento terá especial importancia. Deberá evitarse a filtración de augas contaminadas e con este fin disporase dunha arqueta separadora de graxas no tramo previo á conexión ca rede municipal. Tamén se disporá na entrada de barreiras que eviten os derrames.
Está previsto que a zona de oficina e vestiarios se realice cunha construción prefabricada de tipo modular. Ao mesmo tempo, a instalación ten que garantir uns accesos adecuados para que os vehículos, tanto de descarga como de recollida, non teñan dificultades á hora de realizar as operacións, permitindo a mobilidade no interior da planta de almacenaxe.
O orzamento que se manexa para a construción da planta é de 289.079 euros. A parcela na que se construirá a planta ten unha superficie de 2.979 metros cadrados, forma rectangular e poderá accederse desde tres vías.