Xinzo de Limia

Xinzo elabora o seu plan de accesibilidade da man da asociación de referencia da discapacidade en Galicia

Representantes do Concello e de Cogami mantiveron  unha reunión para sentar as bases da iniciativa e acordaron a posta en marcha dunha auditoría. A proposta pretende garantir o tránsito ás persoas con discapacidade e de idade avanzada, eliminando as barreiras arquitectónica en espazos públicos

WhatsApp Image 2021-03-29 at 16.09.23
Primeira reunión dos responsables municipais cos de Cogami para a elaboración do plan de accesibilidade.

Eliminar as barreiras arquitectónicas dos espazos públicos de Xinzo. Este é o obxectivo do primeiro plan de accesibilidade municipal que impulsa o Concello da man de Cogami, a organización de referencia en Galicia para as persoas con discapacidade.

O acordo acadado na primeira reunión da comisión delegada do Concello de Xinzo, consistente na elaboración dun plan de accesibilidade, toma así forma, despois de que a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad, mantiveran esta primeira reunión cos responsables de Cogami, á que asistiu o seu presidente, Anxo Queiruga.  

Este plan pretende ser unha ferramenta indispensable para o desenvolvemento de futuras actuacións en materia de infraestruturas, construcións de inmobles ou de instalacións de calquera tipo. A intención do Concello é que todas as obras que se efectúen no municipio cumpran ao 100% coas condicións de accesibilidade. “A día de hoxe existen barreiras arquitectónicas en moitos lugares do Concello que son un atranco insalvable para a vida diaria de moitas persoas, de modo que cando se fan obras novas ou cando se reparan as que están feitas, debemos esixir que se cumpran todos os parámetros aos que obriga a lei de accesibilidade”, explica Rafa Penabad, que por mor dun accidente é testemuña dos atrancos aos que se enfrontan cada día as persoas con discapacidade.

Centros educativos e de maior tránsito

Ademais de Queiruga, a esta reunión tamén asistiron o representante de Cogami Álvaro García e o arquitecto Diego Piñeiro, que acordaron que o primeiro paso sexa a realización dunha auditoría de accesibilidade para detectar todos os puntos críticos e poder deseñar o plan, que será a folla de ruta para futuras intervencións.

Os responsables municipais son conscientes de que nesta época de pandemia teñen que deseñar espazos seguros e saudables con proxección de futuro, ademais de adaptar os que xa existen para que toda a poboación poda desfrutar plenamente deles.